Opinión

Voces dun tempo que xa foi

Françoise Hardy morreu pedindo clemencia e dignidade. Godard tomou a iniciativa de súpeto e en privado para evitar un declive. Esta semana apagáronse os micrófonos do pódcast Café Derby 21, a tertulia dixital pola que pasaron astros e estrelas da Galicia contemporánea para darlle forma á cultura do presente. Poñer fin a algo, inclusive a vida, pasa pola valentía de renunciar a máis tempo de brillo para evitar unha morte sen luz nin relevancia
Estudio de radio /AEP
photo_camera Estudio de radio /AEP

Cando Carme, Adrián e eu mesmo comezamos a gravar os programas de Café Derby 21 desde cadanseu fogar, a vida persoal e colectiva era ben diferente. Naquel entonces, catro anos atrás, o mundo atravesaba unha pandemia que pasou a vertebrar todo xeito de vivir e a cultura galega, no medio da treboada, gozaba dun dos seus mellores momentos en múltiples eidos. Música, literatura, contidos dixitais, artes plásticas, cinema, humor, gastronomía. Foron anos de colleita porque, como comprendimos tempo despois, moita xente sementara antes en ermo. E durante case este lustro, Mendez Ferrín mantívose con vida. Sempre cómpre lembralo.

Esta broma recurrente no Café Derby 21 dá realmente conta da versatilidade e pluralidade do momento cultural de Galicia en presente, xa que chegaron a sobrepoñerse simultaneamente referentes e iconos que marcaron unha revolución xunto a novas voces que reinventan esa mesma revolución. Con todo, esta broma tamén recolle a realidade ao seu arredor.

Na segunda década do século XXI, o cal se engadiu no título do pódcast para renovar o espírito da clásica cafetería compostelana e sede de tertulias, xurdiron incontables proxectos e rostros que pedían o seu oco no sistema galego. Pero para escoitar a alguén sempre se precisa un espazo e un megáfono. Historicamente, Galicia mantivo unha rede alternativa nas marxes nutrida con fanzines, blogs ou revistas que doaba o osíxeno necesario para que novos talentos respirasen ata que os medios tradicionais os acollían. Pero non bastou coa chegada de Internet para multiplicar estes espazos, senón que foi preciso un parón global para animar á acción. E tivo forma de virus.

No mesmo ano que naceu Café Derby 21, aló en 2020, outros tantos programas e formatos botaron a andar para crear e aportar á cultura galega desde un novo ángulo, con novos medios e nova linguaxe. A efervescencia era tan gozosa como agobiante e houbo que deixar baixar a escuma para saber se nos atopábamos nun mar ou nun vaso de auga con Efferalgan. Ese ímpetu reactivo respondía a unha verdade inapelable: a mocidade galega quere probar, experimentar e engrandecer as marxes para facelas centro.

Así, no primeirísimo momento do Café Derby 21 e en todos os casos, levouse a término unha das vontades fundacionais desde o xermolo deste pódcast, aló na cociña do noso piso de estudantes na rúa da Rosa. Considerámolo entón e mantémolo: a cultura galega e a lingua deben ser óculos non só para ollarnos a nós mesmos, tamén ao mundo e, desde aí, formar parte da conversa universal.

No exame de acceso á universidade de Lingua Galega e Literatura en 2015, grazas ao cal Carme, Adrián mais eu pasamos a coñecernos como estudantes de Xornalismo; no primeiro exercicio recollían palabras de Agustín Fernández Paz xa sobre este postulado do que é cómplice o Café Derby 21. "Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo. Só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo", dixo o escritor vilalbés ao recoller o premio Xerais en 2009.

Coa escuma baixa e os ventos mainos, agora pódese ver que daquela explosión de talentos quedan algúns superviventes e moitas pegadas, pero todas as corredoiras están máis limpas para quen desexe emprender un camiño na cultura galega. Como se se tratase dunha revolución industrial por fases, nesta movéronse os marcos, os de todos. Os do público, os dos creadores, os da industria.

Máis aló de efemérides en relación ao Café Derby 21, como ser o primeiro pódcast en galego en contar con patrocinio, poñendo así en valor o formato, ou en formar parte de carteis de festivais como o Curtocircuíto, o FIV ou o Carballo Interplay; o legado destes catro anos pasa por ser algo máis intanxible. A fin de contas, creamos un oco no que se recolleu unha amálgama cultural e de vidas fóra do seu hábitat e ese espazo medrou ata ser un ser vivo de seu no mundo. Rachamos os vidros do Café Derby orixinal, xa pechado, para sacar esas conversas a un mundo que desexaba escoitar e non o sabía.

No ano en que o Café Derby 21 flotaba no aire do noso piso de estudantes, as tres voces do pódcast estivemos nunha exposición dedicada a Castelao. Alí, escoitamos a súa voz por vez primeira. Lémbrome moito da impresión e do aprezo que tiven cara o esforzo de conservar algo tan único, a voz dunha persoa fundamental para Galicia.

Se preguntan pola pena de rematar, direi que no final queda orgullo e non tristura. Orgullo de que o que naceu como unha tertulia desenfadada en forma de pódcast teña evolucionado ata ser unha base de datos sonora, un repositorio das voces que artellaron este momento cultural. E máis aló de ser unha proba, as conversas no Café Derby 21 amosan as persoas que rin e teñen vida e intereses máis aló da súa personaxe. Así, os arqueólogos e historiadores do mañá non terán que arrastrarse por rochos de Arxentina procurando uns pobres segundos de audio.

O Café Derby 21 puxo fin ao seu camiño cunha festa en forma de funeral: A derradeira tertulia. Pódese dicir agora que o xoves 27 de xuño atopáronse os restos do que foi un dos mellores pódcasts galegos arredor das 20.30 horas no centro de Santiago de Compostela. Con eles, había unha morea de xente lamentando e celebrando o acontecido. Aínda que falta unha autopsia concluínte, todo indica que o falecemento foi por causas naturais. A carón dos restos atopouse unha nota: Marchar así é un privilexio. Grazas, ata a próxima.

Comentarios