A planta de Estrella Galicia na Grela logra o selo 'Cero Residuos'

Interior da fábrica de Hijos de Rivera na Grela.EP
A factoría suma este distintivo ao de 'Cero emisións' outorgado por Saica Natur e TÜV SÜD

A fábrica de Estrella Galicia no polígono da Grela alcanzou un novo fito na súa aposta por minimizar o impacto ambiental da súa actividade. Saica Natur e TÜV SÜD outorgaron ao complexo o selo cero residuos, un distintivo que suma ao de cero emisións.

Este selo ambiental De residuos a recursos: Zero a vertedoiro acredita unha porcentaxe de  reutilización, reciclaxe ou valorización igual ou superior ao 95% de todos os refugallos xerados.

A factoría da Corporación Hijos de Rivera superou o limiar mínimo establecido, grazas á valorización dos seus excedentes a través de sistemas de circularidade con provedores e da reciclaxe do vidro, papel, cartón e o plástico

Durante a auditoría, Estrella Galicia superou os parámetros de medición establecidos por Saica Natur demostrando a trazabilidade dos seus residuos ou a súa segregación en orixe.

"O día a día de todos os inconformistas que formamos parte de Hijos de Rivera pasa por impulsar o impacto positivo na nosa contorna e cos nosos aliados. Existe un compromiso real pola nosa banda con provedores e demais grupos de interese de fomentar a xestión circular, cun obxectivo final moi claro de minimizar o impacto ambiental da Corporación no desenvolvemento das súas actividades", recalcou Emiliano Barelli, director de sustentabilidade ambiental de Hijos de Rivera. 

A compañía revaloriza o 100% dos subproductos obtidos na elaboración da cervexa, principalmente bagazo e fermento. Entre as iniciativas está a venda en forma de alimento para explotacións gandeiras locais ou a plataforma ImpactTaste, creada para innovar na industria alimentaria buscando novas vías de valorización.