Un de cada catro menores vive en risco de pobreza en Galicia

Unha nena na escola. EUROPA PRESS
Un informe revela que hai máis de 93.000 nenos nesta situación, aínda que a comunidade galega é a cuarta menos afectada de España

En Galicia, o 25,8% dos menores de 18 anos vive en risco de pobreza ou exclusión social, segundo o último informe da Plataforma de Organizacións de Infancia (Poi). Isto tradúcese en que máis de 93.400 nenos e adolescentes galegos –un de cada catro– están nesta situación, unha cifra que reflicte a realidade dun problema estrutural que afecta a todo o país.

A pesar de que estes números son preocupantes, Galicia atópase entre as comunidades con menores taxas de pobreza infantil –taxa Arope– en España, só superada por lugares como o País Vasco, Madrid ou A Rioxa. De feito, a galega é a cuarta con menor risco de pobreza na infancia. Entón, ¿son realmente malos e alarmantes estes datos? 

A taxa de pobreza infantil en Galicia aumentou lixeiramente en 2023, pasando do 24,9% ao 25,8%, aínda que aínda se mantén por baixo da media nacional, que é do 33,9%. No entanto, un dos indicadores máis preocupantes na comunidade é o da pobreza severa, que subiu case dous puntos respecto ao ano anterior, situándose no 10,3%. 

Un dos datos que máis preocupa na comunidade é o risco de pobreza severa, que subiu case dous puntos ata o 10,3%

A nivel de carencia material severa, Galicia presenta mellores resultados que a media estatal. Só o 6,6% dos menores sofren este tipo de insuficiencia, unha cifra considerablemente inferior á media nacional do 10,8%. No entanto, o 40,4% dos menores galegos non poden permitirse unhas vacacións de máis dunha semana ao ano, un dato lixeiramente superior ao 34,1% que presenta o resto de España.

Ricardo Ibarra, director da Poi, sinalou durante a presentación do informe que España enfronta un grave problema de pobreza infantil, con taxas que non baixaron do 30% desde 2008. "É o segundo país co dato máis elevado de toda a Unión Europea. Temos uns datos moi altos a nivel estrutural", explicou, subliñando a falta de investimento en políticas destinadas á infancia e as familias. Segundo o informe, en España só se destina un 1,6% do PIB a estas políticas, fronte ao 2,5% que é a media dentro da UE.

Galicia, pola súa banda, tamén mostra debilidades neste sentido. A comunidade conta cunha renda media por unidade de consumo de 19.152 euros, o que supón 1.524 euros menos que a media nacional. Esta diferenza súmase á realidade dunha comunidade envellecida e dispersa, onde só o 4,5% da poboación está formada por nenos e adolescentes.

A Poi de Galicia ofrece diferentes propostas

A Poi de Galicia propón destinar polo menos o 5% do Fondo Social Europeo 2021-2027 a combater a pobreza infantil. Tamén, suxire un plan de choque contra o abandono escolar e o fracaso educativo, así como axilizar as axudas alimentarias para familias vulnerables. Outro eixo central é o desenvolvemento das zonas rurais, mellorando o acceso a transporte, telecomunicacións e actividades extraescolares para evitar a emigración dos mozos galegos. 

Finalmente, reclámase un incremento de técnicos en atención infantil por parte da Xunta para garantir o benestar dos menores máis vulnerables. A plataforma, con Mónica Viqueira como presidenta territorrial, insiste na urxencia de fortalecer os recursos en educación e en garantir un acceso igualitario á vivenda digna. Todo iso, co obxectivo de construír un futuro máis xusto para a infancia en Galicia.