¿Que días serán festivos en Galicia en 2025?

Oficina vacía.PIXABAY
Os máis afortunados poderán gozar de catro pontes festivas ao coincidir o 6 de xaneiro e o 8 de decembro en luns e o 25 de xullo e o 15 de agosto en venres. A Xunta revalida o 17 de maio e o 25 de xullo como días propios de Galicia

No arranque das vacacións de verán, o Consello da Xunta aprobou este luns o calendario laboral 2025, no que volverán ser festivos propios da comunidade o 17 de maio, Día das Letras Galegas, e o 25 de xullo, Día de Galicia.

Como todos os anos, os traballadores poderán gozar de 14 festivos, dos cales dous serán elixidos a criterio de cada concello. Seguindo o que estipula o Estatuto dos Traballadores, trátase de festivos de carácter obrigatorio, non recuperables e remunerados.

Nove festivos estatais non son substituíbles salvo que coincidan en domingo, unha circunstancia que en 2025 darase o 12 de outubro, o que levou á Xunta a decantarse polo 17 de maio.

O resto son o 1 de xaneiro; Venres Santo –18 de abril--; 1 de maio –Día internacional dos traballadores– 15 de agosto –Asunción da Virxe–; 1 de novembro –Todos os Santos–; 6 –Día da Constitución–; 8—Inmaculada Concepción– e 25 de decembro.

Outros tres festivos estatais son opcionais, o que permite ás comunidades cambialos por outros. Con todo, seguindo a tradición e dado que ningún coincidirá en domingo, Galicia optou por manter o 6 de xaneiro –Día de Reis–; o Xoves Santo –17 de abril– e o 25 de xullo –Día de Galicia–, en lugar de decantarse polo 19 de marzo –San Xoán–.

Ata catro pontes festivas

Con esta folla de ruta, o próximo ano os máis afortunados poderán gozar de ata catro pontes festivas ao coincidir o 6 de xaneiro en luns, do mesmo xeito que o 8 de decembro, en tanto que o 25 de xullo e o 15 de agosto terán lugar en venres.