As empresas galegas xa piden máis titulados de FP que universitarios

Dous alumnos dun ciclo de Formación Profesional en Galicia. EP
Adecco vincúlao á falta de especialistas e ás novas tecnoloxías, e sinala a administración, electricidade, fabricación mecánica e mantemento como familias con maior demanda

Os titulados de Formación Profesional son os máis buscados nas ofertas de emprego que manexa Adecco, por encima incluso dos universitarios. E en especial, as empresas poñen os seus ollos nos alumnos de ciclos superiores, segundo a compañía de recursos humanos, que sinala que esta tendencia crecente obsérvase tanto no resto de España como en Europa en xeral, vinculada "á falta de man de obra especializada en certos sectores produtivos" e "á adopción de novas tecnoloxías como a automatización ou a intelixencia artificial", que aumentan o interese polos "profesionais técnicos".

Ata o 36,73% das vacantes laborais que publicou Adecco na comunidade galega diríxense a titulados en FP media ou superior. Superan en dous puntos e medio ás que, en cambio, piden universitarios para o posto.

O certo é que non é unha situación do todo nova en Galicia. En 2020, en plena pandemia, a demanda de estudantes de FP "gañou peso na oferta de emprego galega" ata converterse na formación máis buscada, presente en catro "de cada dez vacantes", recorda a firma. Nos dous anos seguintes esta oferta contraeuse case quince puntos, pero o ano pasado volveu crecer máis de once, un volume parello á caída universitaria. Sobre todo, débese ao tirón dos técnicos superiores, cunha demanda case nove puntos maior que a de 2022.

Acerca desta tendencia, Adecco insiste en que a FP "tamén se sitúa á cabeza da demanda das empresas españolas", cunha brecha aínda máis ampla: case un 42% de ofertas para esta fronte ao 28,67% das dirixidas a universitarios, despois de que a súa solicitude aumentase, "imparable", máis de sete puntos.

De feito, na clasificación autonómica, Galicia acumula o 2% de todas as vacantes de FP, tras recortarse catro décimas nun ano, e retrocede dous postos, ata o décimo.

"É unha opción que conecta dun xeito áxil e eficiente ás institucións educativas co tecido empresarial, de xeito real", explica a directora de servizo de Adecco, Julia Carpio. "A súa demanda por parte das empresas, as altas taxas de empleabilidad que ten e a adecuación constante de contidos, metodoloxías e titulacións, fan que sexa unha opción segura para enfrontarse ao mercado laboral con éxito", algo que ao seu xuízo "acentuará" a FP Dual.

Que demandan máis as empresas? 

Adecco sinala que o 66,8% desas ofertas para FP non especifica a familia profesional que necesita, só que a persoa que opta ao posto de traballo posúa esa formación. Entre as que si o concretan, destacan Administración e Xestión (8,73%); Electricidade e Electrónica (6,07%), Fabricación Mecánica (3,39%) e Instalación e Mantemento (2,69%).

E que áreas son as que máis piden titulados de FP? Pois mantense á cabeza a de enxeñería e produción (32,45%), seguida de administración e secretariado (17,96%); tecnoloxía, informática e telecomunicacións (11,68%); sección comercial e de vendas (9,5%) e compras, loxística e transporte (9,4%).

Na metade dos casos pídense técnicos e, noutro 39%, a categoría é de empregado. De forma máis específica, sobresaen os administrativos (6,05%), os técnicos de mantemento (3,84%), os comerciais (2,99%), os operarios (2,65%) e os técnicos de soporte (2,03%).