Todas as carreiras da rama sanitaria esgotan a cota de prazas

Un alumno nun exame na USC. EFE
Xa só quedan 44 graos con vacantes dos 190 ofertados polas tres universidades públicas galegas. En Lugo quedan 9 opcións

Outros vinte graos e dobres graos dos 190 ofertados polas tres universidades galegas colgaron o cartel de completo ao concluír o cuarto prazo de matrícula. En total, xa son un total de 146 os que esgotaron a cota de prazas, segundo informa a Comisión Interuniversitaria de Galicia (Ciug). Isto significa que o 77% da oferta está xa esgotada e que só quedan 44 opcións.

Deste último listado tamén se extrae outra conclusión: aqueles estudantes que teñan vocación sanitaria xa non teñen alternativas no Sistema Universitario de Galicia (SUG), unha vez que o grao da Enfermería a UVigo en Povisa cubriu a súa oferta. O último matriculado pecha a lista cunha cualificación de 10,498.

Con nove das 21 titulacións impartidas nas que aínda quedan vacantes, o campus da USC Lugo é o que presenta máis opcións. Aínda é posible cursar os graos de ADE; Enxeñaría Civil; Enxeñaría Forestal e do Medio Rural; Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais; Relacións Laborais e Recursos Humanos; Paisaxe e Xestión Cultural nas súas modalidades presencial ou semipresencial. Ademais, tamén segue dispoñible o Grao Aberto 5USC Enxeñarías, que lles permite aos estudantes comezar a súa educación universitaria elixindo materias de cinco graos diferentes durante o primeiro e segundo ano e logo decidirse por unha especialidade.

O campus pontevedrés da UVigo é o que conta xa con menos opcións: dez das 12 carreiras que se imparten esgotaron o aforamento. Logo de completar a cota de Belas Artes e Dirección e Xestión Pública (presencial), as únicas carreiras nas que quedan prazas son Dirección e Xestión Pública pola vía virtual e Enxeñaría Forestal.