A Xunta cubrirá o 60% da subida do canon que Sogama aplicará en xaneiro aos concellos

Alfonso Rueda este mércores no Parlamento de Galicia. XOÁN REY (Efe)
Rueda sostén que o Goberno galego "vai evitar" que a alza fiscal que imputa ao Goberno de Sánchez reverta no que pagan os galegos pola recollida de residuos

A Xunta cubrirá o 60% do incremento do canon por tonelada de residuos que Sogama lles aplicará a partir de xaneiro aos 295 concellos aos que presta servizo de recollida e tratamento de refugallos.

Así o anunciou este mércores o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, no pleno do Parlamento, onde culpou o Executivo de Pedro Sánchez de impulsar "unha subida de impostos" que ía provocar que os concellos, "e logo os galegos", tivesen que pagar en 2025 "40 euros máis por tonelada" de refugallos xestionados.

“Imos evitalo”, adiantou o titular do Goberno galego no marco da súa intervención en resposta á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que inquiriu o pontevedrés sobre as prioridades da Xunta ante os retos que afronta Galicia.

O mandatario aludía así ao tributo que grava a incineración e a vertedura de residuos, que foi introducido na lei de residuos e chans contaminados para unha economía circular de 2022.

Un canon de 108 euros a partir de xaneiro

A falta de aclarar a través de que mecanismo se instrumentará, este mércores transcendeu que o Goberno galego cubrirá 24 dos 42 euros da actualización do canon, que en 2025 pasará dos 66 euros de media deste ano a 108 en xaneiro, segundo a proposta que a Sociedade Galega do Medio Ambiente —participada pola Xunta (51%) e por Naturgy (49%)— trasladou a San Caetano para a súa inclusión no proxecto de orzamentos autonómicos para o próximo ano.

Moi criticado polas administracións locais, o incremento do canon en 2025 sucede ao aplicado en xullo, que deixou a tarifa en 66 euros de media por tonelada. Entón, Sogama apuntou á súa incapacidade para seguir asumindo en solitario o impacto do tributo que grava a vertedura e a incineración —que se aplica desde xaneiro de 2023—, ao impacto da eliminación da retribución pola planta termoeléctrica de Cerceda e á recuperación do imposto eléctrico, do 7%.

Para paliar o efecto nos concellos e, polo tanto, nos contribuíntes, a Xunta anunciou en xuño a transferencia de 9 millóns de euros adicionais do Fondo de Cooperación Local aos municipios. Con esta operación cubríronse 12 euros da subida do canon, que quedou en 66 euros de media —68,05 euros no primeiro semestre e 88,05 na segunda metade do ano—.