Opinión

Puiden xogar no Breogán

ESTIVEN PASEANDO onte pola Praza Maior. Afectoume a síndrome do coche azul. Consiste en que compras un coche azul e empezas a ver coches azuis nas rúas. En Lugo temos o centro peonalizado grazas a García Díez; polo que non vin coches, pero si moitas persoas con roupa azul. Atopei a Juan Méndez vestido de permanencia do Breogán, azul sobre azul. Contoume Juan que prolongara a celebración seguindo pola televisión o festexo do Real Madrid na Cibeles. Juan vestía de azul,pero o seu corazón é branco.


Falando con Juan acordei de que eu xogara nun equipo igual de branco nos anos 80. Fun base no club de baloncesto Peña Madridista del Eo. Sen ter eu nada contra o Madrid, deixei de xogar porque o nome me parecía un horror. Anos despois chamaríase C.B. Ría de Ribadeo. Tampouco me entusiasmaba esa denominación, pero cando menos non aludía ao fútbol sendo un equipo doutro deporte. Malgastei catro anos antes de colgar a camiseta.


Tito Díaz andaba pola cancha ribadense neses anos. Coincidín con el. Non lembro se Tito era xogador ou adestrador. Preguntareillo cando o vexa pola rúa. O asunto é que eu era un base con bastante orixinalidade no pase interior e cun respectable  porcentaxe de acerto no tiro exterior. Pregunteime moitas veces por que non me chamara Tito para o Breogán. Comprendino bastante máis tarde nun paseo por Outeiro de Rei. Estaba con Xabier Docampo e con Agustín Fernández Paz, os queridos escritores. Fomos ao regato do Cepelo, que era o Miño a escala de Manuel María. Eles dous bromeaban con aquel regato. Xurdiu a broma de saltalo de beira a beira. Era pouco máis dun metro de ancho. Non o dei saltado. Repasei daquela a miña carreira deportiva. Asumín, con pavor, que nunca aprendera a saltar.