Opinión

A rede de cables

SE TEÑO unha curiosidade arredor do meu corpo é a de como funciona o meu cerebro. O meu amigo e compañeiro Álvaro Fernández, sabio das Ciencias Físicas e Químicas, sostén que a miña capacidade para almacenar datos inútiles non é tal, senón que teño un esbirro que me sigue onde queira que vou e me dá informacións a través dun auricular. Por outra banda, unha das principais diversións da miña dona é preguntar datos sobre países estraños que eu respondo distraidamente namentres, por exemplo, non son quen de atar correctamente os cordóns dos zapatos.

David Eagleman e a Editorial Anagrama propoñen unha hipótese moi interesante sobre estes fenómenos, e aqueles que vostedes mesmos experimentarán de seguro, en Una red viva, ensaio que chegou ás librarías españolas a comezos do 2024 e que continúa a tradición de estudo do funcionamento da mente e o cerebro que impuxo hai décadas Eduard Punset e teñen continuado, no eido da divulgación, autores como Antonio Damasio ou Steven Pinker, por citar só uns poucos.

A hipótese mencionada é a do livewiring, un neoloxismo tamén na lingua inglesa orixinal que poderiamos traducir como cableado en vivo e baséase nun concepto que, arestora, xa se considera verdade de fe: o noso cerebro non é un ente estático senón dinámico e a súa plasticidade é fundamental para entender todos os fenómenos relacionados con el.

O cerebro cambia. É un fenómeno co que está familiarizado calquera nai de adolescente que siga as polémicas sobre tecnoloxía, ensino e mocidade. Non se precisa ser un apocalíptico para ver o lado negativo do asunto: o uso de dispositivos móbiles e o consumo de información en pílulas breves aumentan a necesidade de estimulación e reducen a capacidade de atención e concentración. Para máis información pódese ver Superficiales de Nicholas Carr.

Mais este é só o lado negativo da plasticidade cerebral e existe un moito máis cotián e positivo. Dise que para dominar calquera actividade precisamos entre cinco mil e dez mil horas. Investigadores como Eagleton sosteñen que isto non se debe só á repetición ou o costume senón que existe unha base física: cando facemos recorrente unha actividade, a instalación de cables do noso cerebro modifícase e as neuronas e conexións que nos permiten realizala están máis achegadas e son máis activas.

Para demostrar que isto ocorre Eagleman recorre a unha serie de casos clínicos. É procedemento común: os lingüistas, por exemplo, non podemos estudar a linguaxe sen recorrer ás persoas que sufriron un accidente cerebrovascular e quedaron coa fala alterada nalgunha das súas fases. Dito isto, Una red viva non é libro para estómagos delicados: medios cerebros extirpados, bebés sen nariz ou orellas, persoas atravesadas por barras de ferro... son algúns dos casos que Eagleman utiliza para amosar como ese órgano é quen de se reorganizar ‘automaticamente’ para recuperar boa parte das súas funcións.

Cando me preguntan como vexo eu o coñecemento, falo dunha rede de pesca. Se a rede ten poucos furados e a guindamos ao mar, pescará só peixes grandes e quizais algunha bota ou outro tipo de lixo. Case todo marchará por eses ocos, escasos pero grandes. Porén, se ten moitos furados pequenos, pescará. Un libro coma o de Eagleman converte esta metáfora en realidade e reafirma as crenzas dos que pensamos que o estudo e a estimulación continua poden converter á inmensa maioría das persoas en individuos que usen o seu cerebro para a fonda actividade intelectual.

Comentarios