Opinión

O sublime en Mondoñedo

2024092322345917979

Eu viña aquí falarlles de que se cumpriron corenta anos da estrea de Amadeus, o magnífico filme de Milos Forman sobre a lenda literaria, que non a vida, de Mozart, ese músico que fai —aínda hoxe— que os seres humanos pensemos sobre onde se atopan os límites da nosa creatividade como especie. Un cabodano que coincide no tempo coa presenza en librarías de El Réquiem de Mozart, de Miguel Ángel Marín (Editorial Acantilado), unha especial monografía sobre a máis coñecida obra do xenio salzburgués a carón da ópera Don Giovanni.

Ocorre que os azares da miña vida profesional fan que nos vindeiros anos teña que pasar moito tempo en Mondoñedo e isto converteu a lectura do libro de Marín en algo persoal, posto que a cidade máis pequena da Galiza ten un papel fundamental durante boa parte da obra e achega un libro que podería estar afastado do interese do lector galego á realidade máis inmediata.

Aínda que se presente como o libro de Marín non ten un alcance universal agás nas súas 140 páxinas. Nelas aborda a descrición musicolóxica do Réquiem —complexa para profanos coma un servidor— e, sobre todo, a historia da peza, marcada pola súa composición no final da vida de Mozart, a súa condición de obra inacabada e o papel dos distintos discípulos e amigos do xenio, en especial Franz Xaver Süssmayr, no seu remate. A pesar da profundidade do traballo do autor, os simples oíntes non especializados poden gozar desta parte do libro, pois a perspectiva divulgadora nunca se abandona por completo.

Máis preciso sería falar dunha historia cultural en España, posto que o groso do libro se dedica á recepción do Réquiem por toda a xeografía española. Afrontaba eu esta parte da lectura con certo escepticismo por dúas razóns: o afastadas que estiveron as culturas alemá e española durante o século XIX e o coñecemento intuitivo da importancia da ópera italiana no país durante esa época, que, segundo eu entendía, tería limitado a chegada de Mozart a España.

Era un escepticismo infundado. Por suposto, Marín explica e desenvolve estes dous argumentos, pero fai moito máis que iso, ata converter o seu traballo nunha espléndida peza de microhistoria, na xeira da mellor historiografía dun Febvre ou un Braudel, na que combina a descrición de todos os elementos relacionados coa representación do Réquiem —contextos espaciais e políticos, consecución de partituras e arranxos, instrumentación, músicos e oíntes— co relato e a reconstrución de como deberon ser aqueles concertos nunha España tan diferente. Non hai espazo para as enumeracións monótonas senón para unha recreación viva, que debe moito aos coñecementos e a capacidade descritiva do autor.

E que pinta Mondoñedo en todo isto? Pois o feito de ser a primeira cidade do Noroeste, e de Galiza para ser máis preciso, na que houbo unha copia do Réquiem, nun momento tan temperán coma o ano 1805. O lector galego, e o lucense máis en concreto, atopará da man de Miguel Ángel Marín os detalles desta e doutras copias que se atopan no arquivo da catedral mindoniense e da súa chegada a un lugar tan remoto se temos en conta os medios de comunicación daquela Europa e a condición de austríaco de Mozart. Así é como un tratado que ben podía ser especializado chama a un lector lugués, mindoniense ou de lugares como a pequena vila catalá de Solsona, poñamos por caso e remata por ser un libro imprescindible tanto para os fanáticos da música como para toda aquela persoa culta interesada nunha historia a un tempo universal e local.

Comentarios