Opinión

Un teito común

Unha lona cubre o teito do antigo Banco de España en Vigo, hoxe reconvertida na Casa das Artes. Unha lona interpónse na visión completa do espazo. A tea esconde unha vidreira co escudo franquista e a aguia negra, signos da represión do pasado.
Obra de Fadi Houmani /EP
photo_camera Obra de Fadi Houmani /EP

Esta lona tamén evita que ese cristal de fascismo se confronte coa nova exposición da sala, unha mostra sobre o espazo común e o refuxio de todos os pobos. Xenios e mitos árabes, como os da fábula das Mil e unha noites, crúzanse con azulexos quebrados, cartografías de precariedade, nós de teas refuxiadas de violencia, vinilos colgantes, cristais flotantes e unha máquina de tortura nos corredores e salas que abrangue a mostra Todos os refuxios. Un grupo de sete artistas veñen de presentar a súa particular visión dos refuxios no tempo presente e metafísico, no medio de conflitos, repudias, soidades e identidades.

Lucía Perdiz, Ventura A. Pérez, Ramón Corbato, Julia Huete, Lemos + Lehmann —o proxecto conxunto de Pat Lemos e Lukas Lehmann— e Fadi Houmani son os catalizadores dos conceptos presentados por todos eles. "A colección da obra expón cuestións a partir da condensación ou a expansión do espazo, mostrando desde a praxe artística distintas aproximacións tanto á necesidade como ao dereito ao refuxio —material ou intanxible—", explica a comisaria Sandra MG.

Sen desmerecemento de ningunha das obras expostas, un dos principais destaques na mostra é a que aporta Fadi Houmani (Ourense, 1997), artista visual e deseñador moi vencellado a Lugo. Poderíase dicir case que atravesado polo lucensismo e as cuestións instrínsecas á madurez na cidade amurallada. En certo xeito, se Houmani tivese sido unha froita, a súa árbore matriz estaría composta con enxertos de orixe libanesa e ourensá. Pero esta planta tería sido alimentada intensamente en chan lucense durante varias eras. Agora, logo de pasar pola Real Academia de Belas Artes de Amberes, igual que outros alumnos como Martin Margiela e Vincent van Gogh; expón por vez primeira en España.

Houmani aportou á mostra unha cortina, unha película e varias láminas con deseños para falar a un tempo de si mesmo, dos refuxios e da maxia do mito que languidece no presente. O artista investigou sobre a materia afondando na caligrafía árabe, a poesía de Abu Nuwas, a homosexualidade no Islam ou o Beirut de Pasolini. E logo de montar un arquivo insólito e curioso, fixo súa a cuestión para manipulala.

Os aportes de Houmani a esta exposición colectiva son extractos do seu traballo A tribe that loves boys, que versa sobre "a intimidade, a introspección, o autocoñecemento, e os países árabes e a súa relación coa homosexualidade". A visión deste artista busca poñer o foco en información oculta e soterrada nos espazos negativos e pasar todo isto a un plano de espazo positivo. Así, o que rematou sendo clandestino recupera o seu dereito a ser nos palacios que se alzan no deserto imaxinario das Mil e unha noites.

Resulta curioso ser espectador dunha exposición dunha persoa coa que medraches por contexto e cidade, coa que mantiveches unha órbita en sentido contrario. Houmani mais eu xogamos durante os mesmos anos no pequeno taboleiro que era sociedade adolescente de Lugo. Movemos cada un as súas pezas ata chegar a este punto. E coas emocións noutra parte, puiden preguntarlle sobre a urbe en común, a súa influencia e se é posible que se fale dunha xeración de creadores, outros nomes cos que tamén conversei despois.

Quizais cun sesgo inxusto, o Lugo no que moita mocidade se criou carecía de nutrientes para a nosa curiosidade. Prestaba un espazo plácido e practicable para unha crianza moderada, pero para as persoas que precisaban máis, isto rematou por ser un conxunto baleiro. Igual que o signo que representa este concepto, é como se a cidade que se garda entre murallas estivese rachada e anulada.

Unha xeración de artistas criados en Lugo

Para Houmani, como unha sorte de lucense máis, non resulta inverosímil a posibilidade dunha xeración de artistas criados na cidade. Tampouco para min, tampouco para o resto de preguntados. O curioso é como un grupo tamén se aproxima na práctica conceptual e na dirección da súa obra. Desde a súa perspectiva, Lugo funcionou como un resorte para ben e para mal. Sentiu pronto a expulsión do lugar porque pouco ou nada salvo os afectos lle tiña resultado de utilidade, pero iso foi útil para espertar unha sede de saber, de procurar espazos, de afondar nun mundo físico e metafísico.

Lugo foi o disparador da procura dunha identidade persoal para os artistas que engrosarían esta sorte de xeración creadora, pero non o foi desde a dotación senón desde a privación. E, en certo modo, a aprendizaxe vital pasa por interiorizar e soportar tanto o aburrimento como a socialización en termos non desexados ou á que non pertences.

Así, o artista visual Fadi Houmani podería sumarse a un grupo de creadores unidos por idade, cidade e espírito da obra. Un grupo no que figurarían tamén a fotógrafa María Morado, o compositor e músico Luis Álvarez, o artista Sergio Marey, entre outros nomes, quizais tamén o meu propio no eido da literatura. Só o tempo dará conta de todo isto. Mentres tanto, unha serie de persoas mozas que compartimos contexto avanzamos na creación atendendo a teimas comúns non pactadas: a disolución da identidade, a importancia do espazo, transitar como acto e movemento, a instrospección.

Comentarios