Aberto 24. O tempo das galerías

Aberto 24, supón o comezo de curso para as galerías de arte de Galicia que, agrupadas na asociación Contemporánea, procuran visibilizar o seu importante labor para o noso tecido artístico. Unha apertura colectiva en diferentes salas que nos deixa nove importantes mostras

Dende esta semana unha boa representación do tecido galerístico galego bota a andar unha nova tempada chea de ilusións e desafíos, pero sobre todo de complicidades con diferentes creadores que precisan deste tipo de espazos para amosar o seu traballo e facelo chegar ao público.

Contemporánea acolle a nove galerías que inauguran a súa tempada expositiva cunha apertura conxunta no seu comezo e que leva a cidades como Compostela, A Coruña, Vigo ou Ourense unha diversidade de proxectos artísticos que debemos percorrer para darlle o respaldo preciso tanto aos creadores como ás propias galerías.

O certo é que esta iniciativa permite confiar nun colectivo unido, reanimado nas súas constantes vitais tras tempos máis escuros, pero que dende hai uns anos semella estar moito máis receptivo a unha actividade en común que seguramente será moi proveitosa para todos eles. Tamén para o tecido artístico, os creadores, que non poden estar sempre pendentes de institucións públicas para amosar o seu traballo, converténdose as galerías de arte nese espazo de activación máis inmediata e cun ton de fescura preciso para que o bulir no estudio non se deteña nunca.

Co apoio da Xunta, esta programación permitirá ver nas próximas semanas a obra de Juana González na compostelana Galería Trinta; cidade na que tamén en Dupla podemos ver a obra de Lula Goce, en Metro a Suso Basterrechea, e en Luisa Pita, a Fernando Suárez Reguera. Na Coruña, a sala Nordés acolle a obra de Ánxel Huete, en Moret Art o traballo de Iván Prieto, mentres que a Galería Vilaseco amosa a obra de Eduardo Martín del Pozo. En Vigo, en PM8 a artista lituana Elena Narbutaité exhibe a súa obra e a galería Marisa Marimón, en Ourense, acolle a Ariadna Silva Fernández.

Disciplinas que van dende a pintura de Ánxel Huete á fotografía de Ariadna Silva, pasando pola escultura de Iván Prieto; dende creadores máis veteranos a novos artistas, nomes galegos e outros foráneos... En definitiva, esa diversidade de xéneros, tempos e linguaxes que é a que fai mellor calquera ámbito artístico en calquera lugar. Son, polo tanto, xornadas vizosas polo que sempre supón o arrinque dunha nova tempada, por ese labor común que reafirma o traballo de cada un destes espazos e impulsa a obra dos seus creadores que se achegan así ao público nesta parte do ano na que semella que arrinca sempre un novo ciclo vital.

Vimos de anos moi complexos para as galerías de arte, as diferentes crises económicas supuxeron un forte golpe para unha actividade fundamental como respaldo para o artista. Foron tempos de resistencia, de aguantar para chegar a instantes de maior optimismo. Non digo eu que xa sexan estes, pero o que si podo valorar e o chegar ata aquí de cada un deles, tamén a creación e a incorporación de novas galerías, de xente nova que tenta facerse un oco e motivar tamén a incorporación de novos nomes. E esta claro que iniciativas como este Aberto 24, ou o traballo dunha asociación de galerías de arte, como Contemporánea, ten que servir para calibrar as necesidades do sector, propor solucións aos atrancos e atopar as canles precisas para activar a artistas, públicos e mercados que son os tres piares que conflúen entre as paredes das salas.

Alí onde penduran tantas marabillas artísticas tamén debe pendurar a tranquilidade dun sector moi necesario como soporte do noso sistema artístico, non só como espazo de visibilidade do noso, senón tamén como porta de chegada de creadores que fan traballos moi interesantes fóra de Galicia e que non teñen a oportunidade de amosar as súas obras nas nosas institucións públicas. Galerías de arte como puntos de encontro e de diálogos entre diferentes axentes e que tanto precisan dese tecer común.

A partir desta semana actívanse varios destes puntos nos que nos atoparemos unha boa colleita de obras, unha magnífica representación de artistas e a uns galeristas con moitas gañas de facer do seu traballo un pulo da creación en Galicia.