Opinión

Daniel Verbis e o desexo de ser

O Marco acolle noi seu andar baixo unha exuberante e heterodoxa mostra coa vigorosa obra de Daniel Verbis. Especialmente pensada para os diferentes espazos do centro vigués, as pezas do leonés configuran un territorio visual cheo de reflexións sobre o propio proceso de creación.
daniel

AS OBRAS DE Daniel Verbis (León, 1968) van moito máis alá da súa condición de pezas expositivas para a observación do público, cada unha delas afronta e reflicte sempre unha profunda reflexión sobre o propio acto creativo. Dende a súa configuración plástica, pasando pola reflexión sobre o que motiva a súa orixe ou co estudio das diferentes posibilidades dos materiais para poder chegar a reflectir todos eses vectores que se suman entre si para chegar a un resultado final que sempre sorprende, tanto pola súa concepción, como pola súa materialización, sempre coidada ata o extremo e que no caso da pintura amosa uns abraiantes resultados.

Formado na Facultade de Belas Artes de Salamanca o traballo de Daniel Verbis dende a liberdade da súa creación artística permítelle a exploración de diferentes territorios, sendo capaz de reunilos nunha mesma obra co que iso supón, primeiro de complexidade á hora de armar ese discurso, e segundo, logrando que funcione, e as súas pezas acollan ao espectador para que sexa o que complete a súa proposta. Nese diálogo aberto permite, aos poucos minutos de enfrontarse a el, que medren as súas posibilidades, convertidas en lecturas que podemos facer do seu traballo que sempre aparece dun xeito non pechado, como se cada obra tivera a posibilidade de expandirse ao longo desa superficie museística que é quen de colonizar como un organismo vivo. E, realmente, en moitas das súas obras, esa organicidade que se proxecta dende esa figura circular entendida case como un ollo que se fai infinito, contedor de miradas e cheo de posibilidades, mesmo poéticas, para enfrontarse á realidade xustifica boa parte da súa proposta formal.

O gran desafío desta vez para Daniel Verbis é o de adaptar a súa produción ao espazo do Marco, cheo de posibilidades, pero tamén de retos para calquera artista que queira propoñer unha lectura da súa obra en función do contedor. Os diferentes espazos do antigo cárcere vigués permiten diferentes interaccións entre obras de distintos xéneros. Cruces de miradas entre pinturas e esculturas, entre obxectos tridimensionais e a obra da parede que permite entender todo ese poderoso trasvase de formas entre elas.

A iso hai que sumarlle o sentido lúdico da obra de arte, o xogo entre diferentes e, moitas veces, sorprendentes materiais, incorporados á linguaxe plástica. Tamén a capacidade de achegar o tempo á propia obra, mediante materiais que proceden do pasado e se incorporan a distintas pezas, concedéndolles o seu pouso de narratividade, do mesmo xeito que a pintura se reformula e discute en cada unha das obras, coa súa materialización en diferentes superficies, prolongando as súas posibilidades no espazo mediante a repetición de motivos, discutindo os seus límites e provocando a ruptura coa tradición, as máis das veces castradora para o creador. Unha cuestión que se leva ate o extremo nun gran mural que se pinta directamente sobre unha das paredes do Marco, levando a un carácter exponencial ese latexo orgánico das súas pezas.

Unha pintura fluída, as máis das veces metódica, na súa representación baixo o prisma do autor, nun proceso que non se esgota pero que ante nós se presenta baixo o propio título da mostra, ese Desexando ser que, en palabras do comisario da exposición, Miguel Fernández-Cid, «alude ao momento no que as obras semellan deterse ante a nosa mirada». Nese momento de tensión máxima é cando todo cobra o seu sentido. As horas de estudio, reflexión e traballo na súa materialización no taller do pintor e a mirada do espectador, desexoso de activar esa ollada cara ao artístico como xeito de resolver o contacto do creador coa súa contorna e a resolución formal desa captura da vida.

A dimensión da proposta do Marco arredor da obra de Daniel Verbis, un dos creadores máis interesantes e relevantes da súa xeración no contexto español, convértea nunha referencia no ámbito plástico nacional, e que como acontece con este centro artístico resólvese de xeito engaiolante e cómplice cun visitante que, aos poucos minutos de conectar con esta obra, xa se sente encapsulado por ela, como dentro dunha crisálida pictórica, co que o seu autor nos envolve como unha parte máis dese xogo sempre presente para discutir a lóxica, ou, mellor dito, para xerar unha nova.

Comentarios