Opinión

A Mansellesa

A Mansellesa poderíase incluír dentro da categoría dos cantos de taberna, pero é tamén un brindo para ser cantado na honra dun dos máis preclaros “enfants de la Patrie”.
Anxo Angueira. AEP
photo_camera Anxo Angueira. AEP

FOI ESCRITA para ser entoada, ao compás dos acordes da marcha francesa, nunha homenaxe in absentia, que tal foi a que lle tributamos os amigos a Anxo Angueira, o vate de Manselle, o día do seu ingreso na Real Academia Galega. Mentres el era recibido polos seus novos compañeiros no Templo da Lingua cun banquete oficial, nós celebrabámolo xantando, brindando, facendo soar as buguinas e cantando as estrofas do himno composto para a ocasión: "Vamoh rapaseh de Manselle/ o día de ghloria está a cheghar./ Dende hoxe a Academia Ghalegha/ e seleste e mais anxelical,/ pois entrou o patrón da Roxiña/e a xente empesa a bolinar/ Ai si,/ e a xente a naveghar…/ Con el vén a dignidai./ Con el vai a libertai./ Aí o vén,/ irmous,/ vén o patrón./ Ghalisia está de pé/ está de pé !!!"

Esta homenaxe pensei en alongala cunhas liñas de escrita pero xa se me adiantou Nieves Neira publicando nestas mesmas páxinas un memorable artigo que levaba por título Angueira e a tribo inmemorial. Un maxistral e emotivo texto que xa me gustaría a min ser capaz de deliñar. Non o escribín, pero tiven a honra de estar alí, en Padrón, xunto aos membros desa tribo inmemorial “que viven aínda condenados á entrega e ao soño comunais”. Eses que, non hai tanto, foron quen de erguer o valo de Manselle. Todos xuntos, escoitando declamar o seu discurso ao máis digno depositario do legado de Rosalía. 

Ata alí se achegaron membros de todas as tribos da nosa Terra, e non había de faltar a nosa, a dos irredentos. Como tales fotografounos Rocío Castro, xa rematado o acto, arriba, na tribuna de oradores. Estabamos Felipe Lubián e mais Teresa, Paco Velasco, Héctor Silveiro, e tamén estaba eu. Completaban o cadro tres ilustres irredentistas, cales son Quique Costas, Paco Fernández Rei e, por suposto, Anxo Angueira. Tamén remaban por alí ilustres irredentos como Paco Macías, editor de Positivas, ou irredentistas como Lois Rodríguez, patrón que foi do mítico Vieiros, unha lenda da prensa e da cultura galegas.

Como perfectamente relata Nieves Neira, desta volta era o día de Angueira, era Padrón e tocaba celebrar a Rosalía pero, hai xa ben anos, en 2002, tocou celebrar o Padre Sarmiento. Celebrámolo coa Academia no teatro de Vilafranca do Bierzo, e festexámolo cun xantar en Cacabelos. Pediu Ferrín “viño de Luna porque alí morreu o rei don García” e, coa axuda de tan poderoso beberaxe e dos contundentes condumios da terra, aproveitou para deslindar Galicia de xeito definitivo sobre a base dos dominios do oso, o reino do botelo e as terminacións en -ois. Foi nese primeiro banquete do Reino cando souben de verdade o que era declamar un poema de Rosalía, mentres escoitaba a Anxo Angueira, o vate de Manselle.

Se tivésemos que escoller unha única palabra para definir a Angueira, sen dúbida que esta sería compromiso. Un compromiso en pos dun soño comunal; un compromiso tamén irredento que o levou a ser o primeiro e principal estudoso do cacabelense Antonio Fernández y Morales, poeta contemporáneo de Rosalía e autor de marabillosos versos recollidos nos Ensayos poéticos en dialecto berciano.  Versos que, ano tras ano, habería de declamar, por veces ao son das gaitas da Escola de Vilafranca, perante a súa sepultura no cemiterio da Edrada, alí mesmo, ás ourelas do Cúa.

Compromiso e, segundo as súas propias palabras, “patriotismo cultural” foi o que o levou, en 2012, a asumir a presidencia da Fundación Rosalía de Castro, que pasaba por momentos complicados. “Non podemos deixar que a fundación desapareza. Rosalía é o emblema nacional” declaraba Angueira por aquelas datas. Con el ao temón, como se dunha dorna se tratase, a Casa da Matanza inchou velas de novo e avanza con rumbo firme pola ría sendo, a día de hoxe, a institución máis dinámica e popular do país enteiro.

Dicía, un ano antes, José María Castellano, cando lle endosaron a pataca quente de Novacaixagalicia,  que había que ter vocación de servizo. E esa vocación de servizo, ese compromiso co país, ese patriotismo cultural vai impreso no ADN de Anxo Angueira. Lévao demostrado, non só na súa obra literaria, senón tamén no activismo cultural e na súa capacidade de xestión.

Todo isto podémolo sentir cando mergullamos na súa novela fundamental, Pensa nao, e non podemos deixar de contaxiarnos do optimismo pola marcha da Unión Cooperativa de Produtores de Leite de Laíño ou a Mutua de Seguros de Gando de Sernanselle. Un optimismo pola modernización do mundo labrego, que é un optimismo de país. Ese mesmo optimismo colectivo de "O valo de Manselle", no que “todos pon as mans e o lombo” para levar a cabo esta inxente tarefa de construír o que amamos para os que amamos. “Anda, vai./ Sementa ti./ Que non deixe de haber/ flor azul deste liño/ cando eu finar e pase/ a primavera por Manselle”.

Comentarios