Os indicios de Bosco Caride

A pintura de Bosco Caride amosa todo o seu potencial no vigués Museo Marco cunha valente mostra que, a partir dun único motivo, explora unha serie de posibilidades da paisaxe dende unha óptica contemporánea que converte en cómplice activo ao espectador.

Dende hai uns días temos a nosa disposición o catálogo que coroa a gran exposición que o Marco lle adicou durante os últimos meses á obra de Bosco Caride (Vigo, 1963) no seu primeiro andar baixo o comisariado de Jaume Vidal. Se o catálogo é todo un prodixio en canto ao seu coidado na edición, aínda é máis valorable polo xeito en que responde ao complexo proceso de reprodución dunhas obras que levan ata o extremo a súa condición de vaporosidade, unha evanescencia plástica coa que o autor non deixa de abraiarnos dende a primeira á última obra das que se amosan nesta mostra baixo o título de Indicios.

Se a obra do artista vigués sempre tivo o contexto urbano como interese do seu traballo, con diferentes representacións dese ámbito humano e poliédrico, desta vez, e tras un longo tempo de análise e exploración de materiais e as posibilidades da pintura, ergue a súa mirada para disolver esa condición límite do horizonte e fai do ceo unha sólida realidade dende a que poder admirar ou contemplar as súas infindas posibilidades. Para iso, é como bo amante da pintura, Bosco Caride non elude esa mirada clásica, a dos ceos que durante o Renacemento e o Barroco comezaron a tomar protagonismo na arte, primeiro como exhibición das cualidades do pintor para, xa no século XIX, con pintores do Romanticismo, como Turner, achegarse a un sentimento moito máis íntimo de exploración dos estados de ánimo do ser humano.

Dende esa andamiaxe o noso protagonista desenvolve a súa propia teoría sobre esas atmosferas de nubes, fumes ou vapores,... en definitiva, masas que se van esluíndo en diferentes contextos e que, como unha vanitas aérea, falan tamén do paso do tempo, da modificación dun motivo en diferentes condicións e como todo é pasaxeiro.

Todo iso que xorde dende o interior do cadro, que lles aseguro que se vai modificando en canto pasamos uns minutos fronte a eles, precisa da implicación do espectador, dese compartir un tempo que enseguida se converte nun deses momentos cada vez máis difíciles de acadar na nosa sociedade hiperestimulada, chea de distracións que nos impide un instante con nós mesmos. Os cadros de Bosco Caride atrapan a nosa mirada e ao tempo a nós mesmos provocando, por unha banda, esa estimulación dos nosos sentidos que mesmo nos leva a sentir que esas masas se moven ante os nosos ollos, que mudan as súas formas, que nos dirixen cada unha engaiolante perspectiva que semella discutir a bidimensionalidade da súa superficie; e, por outra, activan esa sensación de gañar un tempo para pensar, para deixarnos levar polo que xorde do noso interior. Esa sensación de contemplación da que a pintura se foi desprendendo nos últimos anos na procura doutro tipo de linguaxes máis radicais ou que nos levan a unha maior axitación na súa observación é absolutamente impagable.

Bosco Caride, como de xeito moi atinado nos explica o comisario da mostra nese catálogo xa citado, mantén nesta nova aposta da súa obra, na que temos que salientar esa valentía por deterse tanto tempo onde outros só atopan unha anécdota da propia paisaxe, o seu firme interese por moverse entre contrarios, por sintetizar unha dualidade de conceptos aparentemente imposibles de enguedellar dentro dunha mesma representación.

Jaume Vidal nos fala de pintura/fotografía, beleza/sinistro, representación/abstracción ou forma/contido, e realmente iso permite tensionar esas superficies tanto de tea como de papel ou de papel de alumino, xestionando eses novos Indicios que nomean a exposición como algo que se intúe, unha nova percepción agochada que sairá dese interior grazas a nosa confianza, a ese tempo que cada unha das súas obras precisa para que ese conflito se redimensione a través de diferentes niveis de lectura ou, porque non dicilo así, de observación, xa que falamos dunha obra na que a súa potencia visual se impón a calquera outra dialéctica interna.