O ata agora portavoz do grupo parlamentario de En Marea, Luís Villares, e os outros tres parlamentarios que decidiron abandonar o grupo xa pasaron oficialmente a formar parte do Grupo Mixto no Parlamento de Galicia.
O Grupo Mixto quedou constituído formalmente coa recepción por parte da Mesa do Parlamento do documento en que se designa a un portavoz, o último trámite necesario.
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, trasladou á Mesa a súa proposta de que os catro deputados do Grupo Mixto pasen a ocupar un espazo específico na planta baixa das dependencias que ata agora utilizaba exclusivamente En Marea.
Esta proposta fíxose atendendo a criterios "de proporcionalidade" e requirirá de obras para separar fisicamente os espazos dos dous grupos; os traballos realizaranse durante o período estival "procurando que teñan o menor custo posible e evitando alterar a estrutura do edificio".
Neste sentido, o propio Santalices sinalou que se está abordando a creación do Grupo Mixto intentando compaxinar o respecto aos seus dereitos parlamentarios coa procura do menor impacto posible para as arcas públicas.
Coa formalización da súa constitución, o Grupo Mixto pasará a ampliar os seus dereitos: poderá rexistrar iniciativas que se poderán incorporar á orde do día dos diferentes órganos da Cámara galega.
Está previsto que a Mesa do Parlamento e a Xunta de Portavoces do próximo 2 de xullo aborden a composición das diferentes comisións parlamentarias, da Deputación Permanente e as cotas de iniciativas que lle corresponderán ao Grupo Mixto.