O Consello de Ministros aprobou un Real Decreto que permite a 240 municipios de seis comunidades autónomas, entre os que se atopa ao concello de Rianxo, beneficiarse de axudas para paliar danos causados en infraestruturas municipais e rede viaria, informou o Ministerio de Política Territorial.
No texto aprobado, proposto polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública, aplícanse as medidas previstas no Real Decreto-lei 2/2019 para compensar os prexuízos por diversas situacións catastróficas rexistradas entre o 1 de xaneiro de 2018 e o 31 de marzo de 2019.
Así, establécese un réxime de axudas polos danos causados polos temporais de choivas torrenciais, neve, saraiba e vento, inundacións, desbordamentos de ríos e torrentes, pedrisco, fenómenos costeiros e tornados, así como incendios forestais ou outros feitos catastróficos.
O único municipio galego no que se detectaron danos deste tipo causados no período citado é o de Rianxo –en marzo de 2019 un incendio forestal arrasou máis de 1.000 hectáreas–mentres que en Aragón hai 152 concellos afectados; en Asturias, 28; en Cantabria, 48, na Comunidade Valenciana, 19 e na Rexión de Murcia, un.
O artigo 7 do Real Decreto-lei faculta ao Ministerio de Política Territorial a establecer o procedemento para a concesión dunha subvención de ata o 50 % do custo dos proxectos directamente relacionados cos sinistros que executen os Concellos, as deputacións provinciais ou outras administracións.
No entanto, exclúense expresamente os traballos levados a cabo con medios propios da entidade local, xa sexan materiais, maquinaria ou persoal.