O grupo Molotov pecha o cartel do Castelo Rock

A banda de rock terminará a súa xira española no festival de Muros o 12 de agosto xunto a Mojinos Escozíos, Dakidarría, Terbutalina e Ánima

A banda mexicana Molotov pecha a oferta da décimo terceira edición do festival de música Castelo Rock 2016, que se celebra en Muros, A Coruña, o 12 e 13 de agosto,segundo informaron este venres os organizadores.

A banda de rock and roll latinoamericano pechará en Muros o seu ciclo en España dentro da súa xira europea o venres 12 de agosto, compartindo cartel con Mojinos Escozíos, Dakidarría, Terbutalina e Ánima, con Fran Velo. Os organizadores indican nun comunicado que Molotov pon "a guinda" a un cartel de 27,5 euros de prezo para os dous días e 22,5 euros por unha única noite. 

O sábado 13 de agosto actuarán Dubioza Kolektiv, Muchachito, The Locos, Terbutalina, Festicultores Troupe e Os Desterrados, con Pedro de Nieto. 

Os concertos desenvolveranse na nova localización do festival situada no parque empresarial de Muros, un cambio que supón unha mellora substancial na infraestrutura e os servizos dos que poderán gozar os asistentes. Haberá unha zona de acampada ao aire libre con máis capacidade e máis próxima á zona de concertos, ademais dun programa repleto de actividades diúrnas repartidas por diferentes puntos do casco antigo da localidade coa colaboración de Estrela Galicia. 

Entre estas actividades previstas figuran concertos de grupos como Agoraphobia ou The Lakazans, pasarúas e animación para nenos.

Comentarios