O Deportivo ultima o traspaso de Borges ao Goztepe

O futbolista branquiazul mellorará considerablemente os seus emolumentos e asinará por tres tempadas

Celso Borges. AEP
photo_camera Celso Borges. AEP

O Deportivo ultima o traspaso do centrocampista internacional costarriqueño Celso Borges ao Goztepe turco. O futbolista branquiazul mellorará considerablemente os seus emolumentos e asinará por tres tempadas. O Dépor recibirá unha cantidade próxima á cláusula de rescisión, que, segundo confirmaron a Efe fontes próximas á negociación, situarase entre 1,3 e 1,5 millóns de euros.

O conxunto herculino quería contar con Celso Borges esta tempada en Segunda División a pesar de que era a última do seu contrato e podería ter marchado coa carta de liberdade o próximo ano. O costarriqueño barallou esa posibilidade, pero finalmente decantouse pola oferta de Turquía, coa que verá incrementada a súa remuneración.

O pasado 2 de agosto, o presidente do Deportivo, Tino Fernández, apostaba pola continuidade do costarriqueño Celso Borges e do arxentino Fede Cartabia, pero só o segundo seguirá no equipo. De Borges asegurou que o "desexo" do Deportivo era que o xogador quedase e dixo que con ese obxectivo estaba "a traballar nunha proposta para ampliar a relación" contractual. "Ten unha oferta moi importante do fútbol turco, pero é unha persoa importante e gustaríanos que quedase. Apostaría pola continuidade de Borges", dixo entón o dirixente.

Borges chegou ao Deportivo no mercado invernal da tempada 2014/15, marcou dous goles no seu debut en LaLiga ante o Rayo Vallecano (un de penalti) e disputou ese curso 17 partidos, nos que anotou outro tanto. A tempada seguinte quedou en 24 encontros (3 goles), na 2016/17 chegou a 34 xornadas disputadas e seis tantos, e o curso pasado participou en 24 choques e materializou tres goles para un Deportivo que perdeu a categoría.

Comentarios