Piden prisión para un home que estafou 770 euros a unha padronesa

O acusado, que no momento dos feitos era a parella sentimental da vítima, recoñeceu que quedou co diñeiro que ela lle deu supostamente para organizar unha viaxe

O valisoletano Luis G. de C exponse a entrar en prisión por un delito de estafa e apropiación indebida por quedarse supostamente con 770 euros que unha muller que coñecera nunha páxina de contactos confiáralle para organizar unha viaxe. A defensa da vítima, unha veciña de Padrón que cando tiveron lugar os feitos, en febreiro de 2015, era a parella sentimental do acusado, pediu para el, a través dos seus representantes legais, unha pena de dous anos e un mes de prisión, xa que entende que, ademais da estafa, tamén se produciu un delito de abuso de confianza.

A Fiscalía, pola súa banda, limitouse a pedir un ano e nove meses para o acusado, xa que entende que incluír o abuso de confianza entre os cargos sería "incriminar dobremente ao acusado por unha mesma circunstancia". En todo caso, G. de C tería que afrontar o pago dos 770 euros que a vítima lle confiou, así como dos correspondentes intereses.

O propio acusado recoñeceu os feitos, tanto no xulgado de instrución de Padrón como este mércores na Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña en Compostela, aínda que sostén que non puido devolverllo no seu momento "e deixouno pasar".

O acusado e a vítima coñecéronse no outono de 2014 a través da páxina de contactos Meetic e, tras meses falando, decidiron atoparse en Santiago en febreiro de 2015, data a partir da cal empezaron a planificar unha viaxe a Irlanda. "Él díxome que se encargaría de organizalo, xa que tiña unha tía nunha axencia de viaxes", asegurou a vítima, á que o acusado lle facilitou o teléfono e o correo electrónico da suposta tía, que non contestaba as chamadas e limitábase a responder os correos.

Cando tan só faltaba unha semana para a saída, o home propuxo "pospolo ou cancelalo", xa que lle diagnosticaran unha grave enfermidade á súa nai, ao que a vítima accedeu confiando en poder realizar a viaxe máis adiante. Ao ver que non se concretaba a nova data, a muller empezou a sospeitar da veracidade do mesmo e pediulle ao acusado que lle devolvese o seu diñeiro, ante o que este respondeu con evasivas.

Tras varias peticións privadas e un ultimato, a vítima decidiu acudir á Xustiza para recuperar o seu diñeiro, ante a imposibilidade de negociar de calquera outro xeito co acusado.

Tras declarar este mércores as dúas partes na Audiencia Provincial, correspóndelle ao xuíz Ángel Pantín ditaminar a pena final á que se expón o acusado, que podería ter unha atenuante pola súa colaboración ao ofrecer testemuño.

Comentarios