Acordo a favor dos celíacos

Recetario para celíacos editado por la asociación gallega
photo_camera Recetario para celíacos editado por la asociación gallega

Xunta, hostaleiros e celíacos colaborarán para mellorar a atención e o servizo a este colectivo, con necesidades alimentarias específicas. Os tres reforzarán a súa cooperación neste ámbito, no que incumbe á restauración. Para iso, subscribiron un protocolo que entre outras medidas prevé a introdución de menús sen glute nas cartas dos restaurantes e a sensibilización do sector hostaleiro sobre esta cuestión.

O director Xeral de Turismo da Consellería de Innovación e Industria, Rubén C. Lois, o presidente da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (Cehosga), Juan Silva, e a presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia (Acega), María Teresa García, asinaron un protocolo de colaboración para mellorar o servizo, a atención e a información sobre a enfermidade celíaca no campo da restauración.

Entre as medidas que se consideran prioritarias neste acordo atópanse a reedición, por parte da Dirección Xeral de Turismo, do folleto 'Como ofrecer un menú sen glute'. Esta medida enmárcase dentro da campaña de sensibilización do sector hostaleiro galego, consistente no envío de información sobre como cociñar sen glute. Acega comprométese a ofrecer os servizos de asesoramento aos hostaleiros a través de consultas telefónicas ou persoais a través dos seus delegados.

Manipulador de alimentos

No protocolo tamén figura a intención de introducir un módulo dunha hora de duración sobre a enfermidade celíaca nos cursos de Manipulador de Alimentos impartidos por Cehosga aos seus socios, así como impartir unha conferencia sobre esta doenza aos alumnos de cada curso do Centro Superior de Hostalería de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Turismo.

A través deste acordo establécese ademais a posibilidade de introducir menús sen glute nas cartas dos restaurantes que así o desexen, en colaboración con Acega.

Comentarios