Casa Marcelo acudirá ao '3º Congresso Internacional de Gastronomía de São Paulo'

O cociñeiro compostelán Marcelo Tejedor (restaurante Casa Marcelo) será o único representante galego no '3º Congresso Internacional de Gastronomía de São Paulo' que terá lugar no marco da 'Semana Mesa SP' que se celebra nesta cidade brasileira a partir do 28 de outubro.

Marcelo Tejedor, e o seu xefe de cociña Iván Domínguez, representarán a España xunto con Jordi Roca (El Celler de Can Roca, Xirona) e Serxio e Xavier Torres, dos restaurantes Dos Cielos (Barcelona) e Eñe (São Paulo). No congreso tamén participarán os mellores cociñeiros de Brasil, Francia, Estados Unidos, Italia, México, Portugal e Austria. Representando a este último país estará Roland Trettl, do restaurante Hangar –7 (Salzburgo), que recentemente visitou Santiago de Compostela para coñecer persoalmente Casa Marcelo, xa que no próximo mes de febreiro de 2010 Marcelo Tejedor será o chef convidado en Hangar-7.

No Congresso Internacional de Gastronomía de São Paulo, Marcelo Tejedor presentará unha ponencia titulada 'Galícia, um novo sabor de um paradigma gastronômico'. Será o 29 de outubro ás 17 horas.

Comentarios