Dous salóns internacionais saborean os produtos galegos

Preto de 40 empresas galegas no Salón Internacional Gourmet e máis de 70 no caso do 18º Salón Internacional de Alimentación e Bebida Alimentaria 2010 encargáronse de deixar ben alto o pavillón ante os principais expertos europeos do sector gastronómico de calidade.

No Salón Gourmet, a Xunta de Galicia estivo representado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen mostrou o decidido apoio da Xunta ás empresas galegas dos ámbitos da pesca e a produción agroalimentaria que asistiron ao evento, así como aos consellos reguladores de produtos con selo de calidade.

En relación ao mercado de produtos marítimos, a conselleira afirmou que Galicia está a experimentar un avance importante a nivel internacional ''tanto en presenza como en comercialización'' e definiu o produto galego gourmet como aquel que cumpre parámetros artesanais e de alta calidade e que é accesible.

Durante o evento, e a través dos expositores das consellerías de Mar e Medio Rural, a Xunta ofreceu preto de 30 degustacións a base dos mellores produtos marítimos e agrícolas procedentes de Galicia.

Alimentaria Barcelona

As consellerías de Medio Rural e Mar foron as encargadas de mostrar en Madrid os produtos galegos de calidade con motivo de Alimentaria 2010, acompañando as máis de 70 empresas galegas á feira. A firma Galicia Calidade, da Consellería de Economía e Industria, tamén ofreceu unha ampla e variada mostra dos seus produtos de garantía ao público asistente.

En canto á Consellería do Medio Rural, este departamento estivo presente en tres pavillóns nos que participaron un total de 49 empresas como coexpositoras en cada caseta. Ademais, a representación de Galicia viuse reforzada por outras 19 empresas agroalimentarias que asistiron ao evento de forma independente.

Galicia Calidade contou cunha caseta modular de preto de cen metros cadrados no pavillón que correspondía ao Salón das autonomías. Nel, aquelas empresas que presentaban produtos adheridos tiñan á súa disposición espazos habilitados para a celebración de reunións, degustacións e actos promocionais.

''O mellor escaparate internacional''

O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez destacou a importancia para Galicia de estar presente en Alimentaria, unha oportunidade para buscar ''novos nichos de mercado nos que as empresas galegas poidan colocar as súas mercancías''.

Pola súa banda, Rosa Quintana subliñou que Alimentaria ''é o mellor escaparate internacional para amosar aos demais en que somos pioneiros ao tempo que aprendemos do que fan os demais''.

Comentarios