A noite negra do bipartito

O 1 de marzo de 2009, tal día como hoxe de fai 15 anos, o PPdeG recuperaba a Xunta que perdera Fraga catro anos antes a mans de PSdeG e BNG. As urnas alumaban un novo liderado, o de Feijóo, que nun tándem político con Alfonso Rueda abriu unha das etapas máis brillantes do Partido Popular en Galicia e á que non se lle ve fin
Feijóo, en 2009. AEP
photo_camera Feijóo, en 2009. AEP

Fai 15 anos, o 1 de marzo de 2009, Alberto Núñez Feijóo facía historia ao reconquistar contra todo prognóstico a Xunta que en 2005 caera en mans lle bipartito PSdeG-BNG. O político dos Peares, conselleiro de Fraga desde 2004 tras curtirse en Madrid, era entón un líder da oposición emerxente e un xefe de filas do PP galego aínda a proba. Ata esa noite.

Cando se recontaron os votos das urnas, Núñez Feijóo convertíase en presidente da Xunta con 38 deputados, os xustos e necesarios para gobernar. Nin un máis nin un menos. Tiña entón 47 anos e empezaba unha carreira fulgurante que o levaría a reeditar esa xesta electoral tres veces máis: en 2012, 2026 e 2020, sempre por maioría absoluta.

Feijóo abriu así unha etapa brillante no PPdeG marcada polo seu tándem político con Alfonso Rueda, o número dous e entón fontaneiro do partido que en 2009 foi clave no triunfo electoral. Ambos estiveron xuntos no partido e a Xunta ata completar en 2022 a substitución coa saída de Feijóo a Madrid. O seu círculo completouse o pasado 18 de febreiro.

Enfronte, a noite electoral do 1 de marzo de 2009 constatou o fracaso do experimento político do bipartito nunha Galicia pouco familiarizada aínda coas coalicións. "Desencantou", admitiu o presidente Touriño tras perder. Unha derrota que foi dinamita pura para os dous socios de goberno e para o conxunto da esquerda galega.

A perda de poder levou ao BNG a unha reflexión interna que acabou saltando polo aire en Amio en 2012. Logo, coa irrupción de Age e as mareas, o nacionalismo galego deambulou pola súa particular travesía do deserto, ao bordo da desaparición como marca, ata que Ana Pontón saíu ao rescate en 2016. Hoxe está en máximos históricos, pero como en 2009, na oposición.

Peor diagnóstico tivo o PSdeG. Os socialistas non voaron polo aire por ningunha detonación concreta, senón que a derrota de 2009 sumiunos nunha espiral autodestructiva da que aínda non lograron saír 15 anos despois. O seu, a diferenza do BNG, foi desangrarse a cámara lenta a nivel electoral e organizativo. E todo empezou cando lle cortaron a cabeza Touriño a propia noite elctoral, acusándoo de non liderar a Xunta sobre o BNG.

Así que na noite electoral do 1 de marzo de 2009 atópanse en realidade algunhas, ou moitas, das claves que explican o actual escenario político galego, cun PPdeG que nunca deixou de ser hexemónico e unha esquerda incapaz de cambiar a dinámica xurdida fai hoxe 15 anos.

Comentarios