A alumna da Universidade de Santiago (USC) Carmen Carballino
Ás portas da Facultade de Económicas en Santiago, Carmen Carballido relatou que ao chegar á clase de Matemáticas e vela, o docente díxolle que quería falar con ela ao final, pero "aos dous minutos" díxolle: "Non podes estar aquí con ese escote. Ou te vas a última fila ou te tapas".
Respecto diso, indicou que, a continuación, espetoulle "non é xeito de vir a unha clase de Matemáticas". Ademais, destacou que, para xustificarse, díxolle ao resto de alumnos "vide aquí, se case se lle ve unha mamila".
"Díxome, non te estou botando, déixote que quedes, pero detrás, onde non te vexa", recorda que lle dixo o profesor cando decidiu abandonar a clase, acompañada doutros alumnos. Posteriormente, comentou, na porta da facultade asegura que lle dixo "que non se arrepentía" do que lle dixo.
"SOSPEITO QUE VOLVERÁ". Preguntada sobre a suspensión cautelar acordada polo Reitorado da USC, a estudante subliñou: "Sospeito que volverá". Aínda que desexou que "non volva por aquí", admitiu que "é difícil" porque "ten un cargo importante".
"Onte (martes) díxome moita xente que non é a primeira vez que o fai", manifestou, para apuntar que anteriormente "intentaron mobilizarse", pero "non conseguiron moito". "Dixéronme que era o da Manada e busqueino. Impáctache", recoñeceu. "Es consciente de que fixo esas cousas, pero non o cres ata que pasa", admitiu.
Con todo, valorou a reacción dos seus compañeiros. "Non me esperaba que se fosen de clase a modo de protesta", concluíu, para expresar o seu desexo de que "non volva" este profesor á facultade.