Rescatan a catro persoas, dúas delas menores, tras perderse na Serra do Xurés

Outra excursionista tivo que ser localizada en Pena Trevinca

Dous adultos e dous menores, de 9 e 12 anos, foron localizados na tarde deste venres en boas condicións polos efectivos do GES de Lobios logo de perderse na Serra do Xurés.

O grupo de excursionistas  facía a Ruta da Fecha en bicicleta cando se desorientaron, segundo informou Emerxencias de Galicia. Foi entón cando alertaron da súa situación aos efectivos de urxencia, indicando que non sabían como regresar ao comezo da ruta e que non tiñan auga.

Logo de ser localizados, foron trasladados polos efectivos de rescate ao comezo da ruta, onde aparcaran o seu vehículo.

PENA TREVINCA. Por outra banda, unha muller que facía unha ruta desde Zamora foi localizada este venres en Pena Trevinca, no municipio da Veiga, despois de que enviase unha alerta a través do localizador por GPS Alpify.

A excursionista enviou as súas coordenadas ao 112 Galicia ás 13.20 horas e foi localizada por unha patrulla da Garda Civil.

Comentarios