As reválidas de primaria e secundaria regresan ás aulas a finais de mes

A Xunta publica a regulación das probas, que se celebrarán o 28 e o 29. Todo o alumnado de terceiro de primaria será examinado, fronte a só algúns centros de sexto e cuarto da Eso

Alumnos en una clase. ARCHIVO
photo_camera Alumnos nunha clase. ARQUIVO

Os centros educativos galegos celebrarán o 28 e 29 de maio as polémicas avaliacións finais de primaria e secundaria obrigatoria, así como as probas aos nenos que este ano cursan terceiro de primaria. Aínda que non terán efectos académicos, nos dous primeiros casos os exames terán carácter mostral, polo que non todos os centros e alumnos deberán someterse a eles, como si sucederá no caso de terceiro de primaria. Rexeitadas por moitos colectivos de pais, nos últimos anos foron obxecto de boicots, de forma que chegado o día moitas aulas estiveron practicamente baleiras.

A Consellería de Educación publicou este venres as bases no Diario Oficial de Galicia (DOG) e as críticas brotaron. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público cargou contra o Goberno de Feijóo por seguir "erre que erre" cuns exercicios que recolle a lei de mellora da calidade educativa, a Lomce, a pesar de que os resultados das eleccións xerais "deixan claro o seu fin". "Non se entende que a consellería siga a dilapidar cartos públicos nunhas probas que non teñen percorrido nin resultado de relevancia", espeta o colectivo.


¿En que consiste a proba de terceiro de primaria?
Esta reválida está enfocada a todos os 22.900 alumnos que están a cursar terceiro e o obxecto é comprobar "o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades" en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e na resolución de problemas a través das habilidades ligüísticas e matemáticas adquiridas polos pequenos de 8 anos. Os exames teñen carácter "informativo e orientador" e están enfocados a contribuír "a detectar dificultades na aprendizaxe". 

A consellería incide en que se a avaliación resulta "desfavorable" o equipo docente deberá "adoptar as medidas ordinarias ou extraordinarias máis axeitadas", fixadas en plans de mellora de resultados colectivos ou individuais para "resolver as dificultades" en colaboración coas familias e mediante "recursos de apoio educativo".

O 28 e 29 de maio cada alumno recibirá cadernos para avaliar por unha banda as destrezas lingüísticas e, por outro, as matemáticas. Tamén haberá cuestionarios dirixidos aos titores, á dirección do centro, ao estudante e á súa familia, cuxas preguntas perseguen coñecer as condicións socioeconómicas e culturais para "contextualizar os resultados obtidos".

O 12 de xuño os resultados deberán estar listos e os titores deberán informar os pais. 

As probas serán as mesmas para os pequenos con necesidades especiais derivadas, por exemplo, de trastornos como o TDAH, de altas capacidades intelectuais ou dunha incorporación tardía ao sistema educativo. Con todo, poderán dispoñer de máis tempo para completar o exercicio, ademais de ter apoio do profesorado. 

Tanto nesta como nas reválidas de sexto e 4º da Eso, a consellería, que recorda a equipos directivos e docentes que deben "participar e colaborar" nas avaliacións, avanza que realizará inspeccións nalgúns centros para efectuar unha segunda corrección. 

¿De que contidos se examina o alumno que acaba Primaria?
Valorarase a comunicación lingüística e as competencias en mates, ciencia e tecnoloxía en sexto curso, así como "o logro dos obxectivos da etapa". Os exames terán carácter mostral —polo que se someterán a eles só unha selección dos 22.900 estudantes que a Xunta aínda debe determinar— e unha finalidade meramente "diagnóstica", de forma que non haberá consecuencias para o estudante que teña un mal día. Educación incide en que a finalidade é "mellorar a calidade e a equidade do sistema". Da avaliación ocuparanse funcionarios de carreira do corpo de inspectores ou mestres especialistas nas diferentes áreas no marco das comisións locais que se constituirán.

¿E os que acaben a Eso?
No caso dos mozos que cursen cuarto da Eso —hai 20.500 matriculados— os exames tamén terán carácter mostral e un fin meramente "diagnóstico". Poranse a proba as competencias en números, lingüística e en temas sociais e cívicos, polo que se realizará un repaso do aprendido en castelán, galego, inglés, matemáticas, xeografía e historia. Da corrección encargaranse profesores que non dean clase aos examinados. 

Comentarios