A Xunta, entre as administracións menos morosas de España

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo figuran como casos exemplares no pago dos provedores

Sede da Xunta de Galicia en San Caetano. AGN
photo_camera Sede da Xunta de Galicia en San Caetano. AGN

Galicia figura entre as comunidades autónomas menos morosas cos seus provedores autónomos, e a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo figuran como casos exemplares, segundo datos divulgados este mércores pola Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (Ata).

No primeiro semestre deste ano, a Xunta tardou unha media de 33 días en pagar aos seus provedores autónomos, 31 días menos que no mesmo período do ano anterior, segundo Ata, o que a sitúa entre as máis áxiles de España; onde a media dos organismos autonómicos foi de 45 días no primeiro trimestre deste ano.

En canto ás deputacións, o informe indica que a de Pontevedra "unha vez máis destaca pola súa celeridade á hora de pagar polos traballos realizados polos autónomos e faino en 17 días", a primeira de España, mentres que a da Coruña convértese na segunda, pagando nunha media de 20 días. 

A de Ourense tarda unha media de 51 días e a de Lugo 54 días, segundo o documento, que pon no outro extremo á de Cádiz, cunha media de 114 días para pagar.

Respecto das cidades, o informe destaca que o Concello de Vigo é "o que menos" tarda en pagar, cunha media de 14 días, ao contrario que o de Xaén que tarda unha media de 589 días.

Comentarios