Pontón: "O Estado fai caixa con Galiza; temos que poder recadar o 100% dos nosos impostos"

Nas vésperas da viaxe que a levará a México para reunirse coa colectividade galega e asistir á investidura da nova presidenta do país azteca, a líder do BNG, Ana Pontón, repasa as liñas de acción para "dar resposta aos problemas do país"
Ana Pontón.Pepe Ferrín
photo_camera Ana Pontón. PEPE FERRÍN

Despois de oito anos á fronte do BNG nos que a formación colleitou os seus mellores resultados electorais, Ana Pontón Mondelo (Sarria, 1977) acelera para volver pelexar pola presidencia da Xunta en catro anos. Promete dar a batalla por un concerto económico que "garanta a suficiencia financeira" para Galicia, presionar ao Goberno de Pedro Sánchez para que cumpra o acordo de investidura e "poñer luz en anos de chanchullos de gobernos do PP" na comisión que investigará a contratación da Xunta no Parlamento.

O BNG encara a XVIII Asemblea Nacional do 1 de decembro coa intención de actualizar a liña política. Por onde van ir os tiros?
Primeiro, temos que facer unha reflexión do conseguido. Nesta etapa viuse que hai unha liña política que funciona. No 2016, cando tiven a responsabilidade de asumir a portavocía nacional, estabamos nas nosas horas máis baixas. Mesmo había quen dicía que iamos desaparecer, algo que nunca acreditei. Hoxe, situamos o BNG como segunda forza política e coa esperanza de que poida haber un cambio real. Temos unha responsabilidade importante e a primeira é ver como damos mellor resposta aos problemas deste país. Temos un problema grave de acceso á vivenda, uns servizos públicos moi deteriorados e seguimos vendo como hai un Goberno que, en lugar de traballar polo ben común, traballa ao servizo da rúa Génova e das grandes multinacionais. Nós temos que relanzar o proxecto político do BNG para que se produza un cambio e teñamos un goberno liderado polo BNG.

Como van facelo?
Actualizando as análises e vendo como está hoxe o país e como lle damos mellores respostas á cidadanía ante os problemas do día a día, como as dificultades para chegar a fin de mes, e ante temas máis estruturais, que ás veces nos parecen máis afastados pero que van ser importantes para o futuro, como que Galiza non quede coma unha comunidade de segunda mentres Euskadi xa ten a chave dos seus cartos, e Cataluña vaina ter.

Entre os temas estruturais da formación está a independencia...
O BNG é unha forza política nacionalista. Defendemos que canta máis capacidade de decisión teñamos, moito mellor. Queremos ter máis poder político e ferramentas para mellorar a vida das persoas e, neste momento, hai un debate clave aberto: o financiamento. É impresentable e unha deslealdade para este país que teñamos ao señor Rueda traballando contra os intereses de Galiza. O BNG negociou unha quita que pode significar unha redución da nosa débeda de ata 2.000 millóns. Pero el está boicoteando a Galiza porque llo ordena o señor Feijóo desde Madrid. O custo desa débeda é a terceira partida de gasto, pois no orzamento de 2024 estaban presupostados 1.511 millóns. Gastamos máis nisto que en dependencia, vivenda, investigación ou violencia de xénero. Hai que traballar polo interese dos galegos e deixarse das 'batallitas madrileñas'. En segundo lugar, hai que traballar para que teñamos a chave dos nosos cartos.

Gastamos máis nos custos da débeda que en dependencia, vivenda ou en investigación"

Pero, en que nos pode beneficiar un concerto económico sendo que somos unha comunidade que depende dos mecanismos de solidariedade do financiamento?
Temos un sistema de financiamento no que só están o 50% do Ive e do IRPF e unha parte de impostos especiais. Polo tanto, se tiveramos o 100%, duplicariamos os nosos recursos. Só con que nos transferisen o imposto de sociedades, co que queda ao 100% o Estado, serían 1.700 millóns máis cada ano. E hai unha ficción económica derivada das empresas con actividade aquí e que tributan en Madrid, como Stellantis ou Alcoa ou as eléctricas. Sorpréndeme que teñamos un presidente dicindo que Galiza é pobre e que vive da solidariedade madrileña cando é xusto o contrario: o Estado fai caixa con Galiza. Temos que ter a capacidade para recadar o 100% dos nosos impostos e non quedar atrás porque que Galiza é dependente de Madrid é unha trola do centralismo. Se fora tan mal negocio, por que todas as forzas políticas de Euskadi están a favor do concerto? Porque permite ter máis recursos.

O Goberno central volve telo complicado para que poidan saír adiante os orzamentos de 2025. Teme que o acordado entre PSOE e BNG no pacto de investidura de Sánchez volva quedar en papel mollado?
No Estado español xa houbo gobernos que prorrogaron os orzamentos ata tres anos co señor Rajoy e non vin ao PP racharse as vestiduras. En segundo lugar, os acordos do BNG co PSOE foron tremendamente beneficiosos para Galiza. Hoxe hai obras de modernización do ferrocarril interior grazas a iso. Non solucionamos todos os problemas? Que me digan que conseguiron os demais deputados ao servizo das forzas estatais. Absolutamente nada, igual que o señor Rueda. Todo se pode mellorar e temos moita ambición. Imos traballar para que o acordo se cumpra e imos ser esixentes. Non temos acordo de lexislatura, polo que temos moita máis marxe de negociación en función dos escenarios políticos que se dean no Estado.

Ana Pontón.Pepe Ferrin AGN

No acordo de investidura figura a ampliación das bonificacións das peaxes na AP-9. Materializarase?
Temos un problema coa AP-9 que creou o PP cando o señor Aznar malvendeu a autoestrada e ampliou a concesión por 25 anos facendo que os galegos teñamos que pagar peaxes máis tempo. O noso obxectivo é moi claro: acabar coas peaxes. Pero, cun deputado non somos capaces de solucionar todos os problemas que creou o PP. Conseguimos unhas bonificacións históricas que teñen que mellorarse ata ter un desconto do 75%. Podo dicirlle que estou segura de que se van materializar con ou sen orzamento. E tamén temos un compromiso co interior deste país, que sufriu unha discriminación moi importante por parte dos diferentes gobernos do Estado. Vémolo con obras que levan un tempo de execución que non é admisible como a autovía Santiago-Lugo. Unha das cuestións que ía no acordo é, xunto coa mellora e electrificación do tren entre A Coruña, Lugo e Ourense, na que xa se está avanzando, unha conexión directa entre Lugo e Santiago e hai un estudo para ver unha variante. Sabemos que as cousas non se solucionan dun día para outro. Pero vemos que ao PP, que cando gobernou non fixo nada, moléstalle que o BNG traballe a favor deste país.

As bonificacións da AP-9 teñen que mellorarse ata un desconto do 75%. Vaise materializar con ou sen orzamentos"

A comisión que vai investigar o sobrecusto do Cunqueiro e os contratos da Xunta bota a andar. Ao BNG custoulle tomar a decisión de queimar o único cartucho que tiña para toda a lexislatura?
Nada me parece máis importante que saber como se están xestionando os fondos públicos. Temos evidencias moi claras, polos informes do Consello de Contas e pola información que se ten acreditado en medios de comunicación de que o PP está metendo a man na carteira dos galegos para beneficiar empresas amigas e ligadas a altos cargos do PP. Imos facer que haxa transparencia. Iremos ata o final para poñer luz en 15 anos de chanchullos do goberno do PP. Falamos dunha empresa, como Eulen, que dirixe a irmá do señor Feijóo en Galiza, que dende que chegou á Xunta multiplicou por cinco as adxudicacións. Temos centos de contratos adxudicados a dedo. Temos o caso doutra empresa vencellada ao cuñado do señor Feijóo e outra na que o compañeiro sentimental de Ayuso fixo de comisionista que están entre as contratantes da Xunta. Eses cartos non son de Feijóo nin de Rueda, son dos galegos. Iremos ata o final.

Con precedentes como a comisión das caixas, que quedou sen conclusións, agardan obter froitos?
Traballaremos con seriedade e rigor. Se o PP intenta boicotear o funcionamento do Parlamento, estará dando mostras de culpabilidade e de que non é unha forza política democrática. As comisións de investigación son un instrumento útil. A cidadanía ten dereito a saber o que se fai cos seus cartos.

Se o PP intenta boicotear o funcionamento do Parlamento, estará dando mostras de culpabilidade"

Despois de que o Consello de Europa chamase a atención sobre as trabas que afronta o galego no ensino e noutros ámbitos, o conselleiro de Cultura dixo que ha convocar aos grupos para negociar un pacto polo galego. Que lle pedirán?
O primeiro é que deixen de agredir a nosa lingua. O mesmo día en que propoñen un pacto polo galego, o PP votou en contra de que se usara no Senado. Como galega, cáeme a cara de vergoña. A semana pasada, no 20 aniversario do plan de normalización da nosa lingua, que se elaborou na época do señor Fraga, lembraba que quen o dinamitou foi o PP. Queremos que haxa unha actitude positiva cara ao noso idioma. A xente deste país quere que o galego siga tendo mil primaveras máis. Queremos unha actualización do plan e hai que derrogar o decreto da vergoña [alude ao decreto do plurilingüismo]. En terceiro lugar, sería importante que o PP retirase a reforma da lei dos medios públicos coa que quere ter máis control na CRTVG e limitar a presenza do galego.

Queremos unha actualización do plan xeral de normalización lingüística e derrogar o decreto da vergoña"

O martes estará con Ana Miranda na toma de posesión da nova presidenta de México. Como ve a crise diplomática desatada á conta do veto á presenza de Felipe VI?
Son moitos os estados que teñen pedido perdón polo seu pasado colonial e, por outro lado, un país soberano ten dereito a tomar as súas propias decisións políticas. O BNG vai a esa sesión de investidura dentro da súa axenda internacional, como antes á de Boric en Chile ou á de Petro en Colombia. Neste caso respondendo a un convite do partido do goberno, Morena, para asistir á investidura de Claudia Sheinbaum nun momento histórico porque por primeira vez unha muller vai liderar o goberno dun dos grandes países de Latinoámerica. E aproveitamos para estreitar lazos coa colectividade galega, con encontros de carácter social, empresarial e político.

"Con Altri o PP pon en risco 4.000 empregos e 3.000 explotacións"

Advertiu que se o Goberno lle concede fondos europeos a Altri o BNG retiraralle o apoio a Sánchez. A inicios do 2025, a Xunta prevé ter concluída a avaliación ambiental. Confía en que o proxecto decaia?
O problema é que este é un procedemento viciado, entre outras cousas porque temos ao presidente da Xunta facendo de comercial dunha multinacional. Non é un proxecto que estean avaliando. Xa tiñan decidido antes de que entrasen os informes que o ían apoiar. É unha grande mentira. Falaron dunha fábrica de fibras téxtiles e resulta que o que temos é unha macrocelulosa que non queren en Portugal. Vendo o que pasou alí estes días [en referencia aos incendios] quizais nos damos conta de por que. Altri significa poñer unha bomba ambiental no corazón deste país e poñer en risco 4.000 empregos que viven do sector agrario na comarca da Ulloa para que unha multinacional faga caixa no noso país. E acabamos de ver un informe contundente dunha institución asesora da Xunta, como é o Consello da Cultura, que é demoledor e fala de que vai provocar unha fractura no territorio. Hai 3.000 explotacións gandeiras e máis de 60.000 cabezas de gando e o PP quere poñer en risco toda esa riqueza. O país necesita industria, pero cun modelo sostible. Os 250 millóns que queren darlle a Altri, que os repartan e apoien ás pequenas e medianas empresas da zona, que apoien a transformación dos produtos agrogandeiros do noso país. Que se destinen os cartos a rexenerar o río Ulla e a ría de Arousa.

Nese modelo de industria sostible cara ao que deberamos camiñar, toca ampliar a potencia renovable.
O desbloqueo da eólica pasa por un pacto político? Temos moi claro que temos que facer unha transición enerxética. O que non vale é que signifique sacrificar o territorio galego para que en Madrid teñan enerxía barata. Recentemente, estiven nunha zona gandeira da Coruña na que teñen que ter transformadores porque non lles chega a potencia instalada e iso que están rodeados de muíños de vento. Hai unha cuestión fundamental: isto ten que reverter no noso territorio cunha tarifa da luz máis barata. Se a riqueza eléctrica é o petróleo do futuro, utilicémolo para desenvolver Galiza e non para que o 'lobby' eléctrico faga caixa. Hai que avaliar as instalacións que xa temos e facer unha planificación de cantas necesitamos, onde e por que vías podemos producir, porque o mix enerxético non é só a eólica.

Moi persoal | "Cociñar reláxame. A cochinita pibil sáeme aceptable"

Como se compatibliza unha ampla axenda política co coidado dunha pequena?
Estaría moi ben que lle fixesen esta pregunta aos homes en política. Parece que as únicas que temos que conciliar somos as mulleres. Afortunadamente, as cousas van cambiando e teño a convicción de que todos temos que participar do coidado e esa é a situación que teño.

Ana Pontón, no Parlamento de Galicia.Pepe Ferrín

Hai algunha actividade cotiá que lle gustaría poder facer con maior asiduidade?
Ter máis tempo para a familia, os amigos e para perderme unha fin de semana no Courel ou nos Ancares. Son escollas que se fan e estou moi contenta e orgullosa de poder representar a tantos galegos e galegas no Parlamento.

Saca tempo pra ir visitar aos seus pais a Chorente?
É unha das cousas que máis me gustan e sempre ten un oco.

Algunha serie que a enganchara?
Aínda que a podo ver poucas veces, 'El cuento de la criada'. Nalgunhas partes está demasiado de actualidade.

E un libro que estea lendo?
El último encuentro, unha novela de Sándor Márai.

Xogou ao baloncesto, agora practica algún deporte?
Vou ao ximnasio e estou nese 'club' do cross-circuit.

É cociñeira?
Encántame. Reláxame moitísimo e gústame poder invitar aos amigos ou á familia. Son moi fan da comida mexicana. A cochinita pibil sáeme aceptable.

Unha viaxe pendente?
Moitas, pero quizais porque me gusta moito o tema da arte, Grecia. Pero fóra do verán.