A Xunta pide achegas para trazar un plan para o comercio

Haberá unha rolda de encontros e un email de suxestións para o sector de face a modernizalo a través dun programa integral entre 2025 e 2030
17,00 h.- O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participará na xornada de activación do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. No Auditorio 1 do Edificio CINC (Monte Gaiás, s/n). Intervención aberta aos medios. Foto Xoán Crespo
photo_camera José González, no Gaiás. EP

Para deseñar o plan estratéxico que articulará o comercio galego o próximo lustro, a Xunta abriu un "proceso participativo" para o que pide a colaboración do retail da comunidade. A Consellería de Emprego e Comercio activou un proceso de consultas que foi inaugurado este martes cun acto na Cidade da Cultura e que incluirá unha rolda de encontros co sector. Ademais, calquera axente do ramo poderá enviar as súas suxestións a través dun correo electrónico que se activará proximamente. 

A folla de ruta "incidirá na necesidade de aumentar a competitividade do comercio retallista" apoiándose en catro patas: "As novas tecnoloxías, a especialización, a calidade e a sustentabilidade", explicou este martes o conselleiro José González, quen tamén avogou por acometer "un plan de remuda xeracional para asegurar a continuidade dous comercios rendibles", con apoios para os que cesan a actividade e os que a continuarán.

A previsión é que o plan estratéxico estea listo no primeiro trimestre do próximo ano, xa que rexerá o sector entre 2025 e 2030. González fixo un chamamento á participación de todo o sector, con gran peso en Galicia. Recordou que conta "con máis de 24.000 comercios retallistas que suman uns 107.000 postos de traballo en toda a comunidade, ademais dun cento de mercados de abastos". 

Entre as medidas que a Xunta xa ten sobre a mesa destacan dúas vías de impulso precisamente ás prazas de abastos: promover un selo de excelencia para estes mercados, cun investimento de 1,3 millóns, e a promoción de campañas cruzadas entre estes establecementos e os restaurantes.

Comentarios