Isabel Rebollido: "Atoparemos vida fóra da Terra pero son pesimista sobre cando"

Dende os primeiros pasos no faiado da súa casa ollando cometas ata converterse nunha referente internacional en astrofísica, esta boirense é unha das mentes máis brillantes de Galicia liderando a procura de vida extraterrestre lonxe da Terra. A científica comparte a súa traxectoria, a súa visión sobre a astronomía e outros grandes misterios do planeta
Isabel Rebollido impartindo unha charla. EP
photo_camera Isabel Rebollido impartindo unha charla. EP

Unha das mentes máis brillantes de Galicia no mundo da astrofísica. Esa é Isabel Rebollido Vázquez (Boiro, 1989), que traballa na Axencia Espacial Europea en Madrid e conta con máis dunha década de experiencia no campo da astronomía. Esta boirense é unha referente na procura de vida lonxe do sistema solar e non deixa de traballar na que é, sen dúbida, a súa gran paixón. 

Como xurdiu o seu interese pola astronomía durante a infancia?
Non teño un recordo claro de cando comezou, para min sempre foi o obxectivo. Lembro ter moitas aspiracións de pequena. Quería ser astronauta, detective, perruqueira e outros tantos oficios...

O típico, pero que espertou o desexo de dedicarse a este mundo?
Tanto meus pais como meus tíos e tías alentaron sempre a miña curiosidade. Incluso lembro de pequena subir ao faiado da casa familiar para ver un cometa, que agora sei que foi o Hale-Bopp.

Estivo moi apoiada polo seus.
Incuestionablemente. Na miña casa coñécenme ben e saben que son ambiciosa. Unha carreira coma a miña non é barata: ir a Santiago e despois a Canarias a facer o máster. Máis tarde, os primeiros anos en Madrid dependín moito dos meus pais. Sen o seu apoio eu non estaría hoxe aquí.

Que a motivou a especializarse na procura de vida máis aló do sistema solar?
A astrofísica ten moitas ramas posibles, todas fascinantes, pero resúltame complicado crer que a xente poida non estar intrigada pola presenza de vida fóra da Terra. Como é? Como se desenvolveu? É vida intelixente? Son moi pesimista sobre cando chegarán estes descubrimentos, pero de seguro atoparemos vida fóra da Terra no futuro.

Disto falou hai pouco nunha conferencia na Coruña.
Si, falei brevemente dos futuros observatorios que están sendo estudados para dedicarse directamente á procura de vida fóra da Terra. Tamén presentei unha visión xeral da formación de planetas e das etapas primarias dos sistemas planetarios.

"Paréceme fantástico que a sociedade se interese pero, se non facemos unha normativa, podemos danar o espazo"

Cal foi a reacción do público?
Creo que boa. Pareceume que tivo a oportunidade de ver outro aspecto da investigación sobre a procura da vida que non é tan habitual. Teño que recoñecer que a maioría do público tiña especial interese en astronomía, así que xa viñan motivados da casa [ri].

Que opina sobre as xornadas organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias na difusión do coñecemento científico e que conclusión saca?
Son unha iniciativa fantástica. O nivel dos relatores foi espectacular. Esta conferencia centrábase moito en temas de revisión, pero quédome con que fun a única que pensa que non atoparemos vida fóra da Terra na nosa xeración, supoño que a comunidade científica é máis optimista ca min.

Como ve o futuro da exploración espacial nos próximos anos?
Hai un novo namoramento co espazo, moito debido a Hollywood. Quen non viu Interstellar ou The Martian? Tamén están a aparecer cada vez máis empresas privadas con interese no espazo. Paréceme fantástico que a sociedade se interese pola exploración espacial, claro, pero creo que, se non facemos unha normativa, corremos o risco de danalo irreparablemente.

Grao en Física na USC, máster en Astrofísica na Universidad de La Laguna, doutorado na Universidad Autónoma de Madrid... Ten unha extensa vida académica e profesional. Que desafíos atopou?
A vida en academia é dura. Canto máis xente coñezo, máis consciente son do síndrome do impostor, e por moi brillante que sexas non estás libre. Tamén resulta moi duro conciliar. Eu teño a sorte de non ter fillos, e ter unha parella que tamén traballa no mundo académico e que me apoia infinitamente, pero é unha realidade que se queres ter unha familia, é unha carreira complicada.

Daría un consello aos novos?
Desfrutar do traballo. Se non o fas, non vale a pena. Ademais, é importante lembrar os logros propios e non compararse co resto.

Ten algún recordo memorable?
Uf, moitos. A primeira vez que vimos as imaxes da cola de gato en Beta Pictoris. Ou cando me deron tempo para observar co telescopio Alma en Chile, ou co telescopio espacial James Webb. Son os dous máis solicitados do mundo.

Como é un día habitual de traballo na Axencia Espacial Europea?
É un centro moi diverso, hai un ambiente científico estupendo. Un día de traballo inclúe reunións sobre os proxectos que levamos a cabo, o que no meu caso supón moitas reunións con equipos fóra de España; pero tamén charlamos cos compañeiros e aprendemos sobre a ciencia que fan os demais.

Como ve o futuro da súa carreira?
O futuro sempre é incerto en academia. A min gustaríame volver a Galicia, traballar nalgunha das universidades e con sorte dedicar moito tempo á investigación. Espero poder seguir investigando os sistemas planetarios novos.

"O futuro sempre é incerto, gustaríame volver a Galicia, traballar nalgunha universidade e seguir investigando"

Que avances tecnolóxicos cre que serán cruciais para o desenvolvemento desta ciencia?
Vivimos na era dos grandes telescopios. O ELT (Extremely Large Telescope) vaise construír en Chile, o HWO (Habitable Worlds Observatory) entrando nas primeiras fases de desenvolvemento na Nasa... Creo que a tecnoloxía en astronomía está vivindo un momento espectacular.

Cal considera que foi o maior logro na súa carreira científica?
Non abandonar [ri]. Espero que aínda estea por vir, pero ata o de agora, posiblemente o artigo que estamos preparando sobre deteccións de gas en sistemas planetarios. Espero que sexa ben acollido pola comunidade científica.

Se puidese descubrir algo sobre o universo que semella imposible, que sería?
Que é a enerxía escura. O certo e que non temos nin idea!

Cales son os seus planetas ou corpos celestes favoritos e por que?
Isto é como preguntarlle a unha nai cal é o seu fillo favorito! Beta Pictoris, sen dúbida. E o sistema que ten todo: un disco, planetas, cometas, colisións… Levámolo estudando máis de 40 anos.

Se puidese viaxar a calquera lugar do sistema solar, cal escollería?
As lúas de Xúpiter ou as de Saturno. Hai bastante consenso en que  os lugares do sistema solar que é máis probable que teñan vida son as lúas dos planetas xigantes.

Unha curiosidade sobre o universo que non todo o mundo coñeza.
Na distancia que hai da Terra á Lúa, collerían todos os planetas do sistema solar, pero esa distancia é máis pequena que os aneis de Saturno.

Ten algunha película ou serie de ciencia ficción favorita?
Futurama, sen dúbida.

"É fundamental achegar a astronomía á sociedade e, en particular, aos universitarios"

Como ve a relación entre Galicia e a astronomía?
Interesante. Hai moitas asociacións astronómicas, e mesmo telescopios, aínda tendo en conta a meteoroloxía do noso país, que non é a mellor para a astronomía.

Hai moitos mozos galegos interesados en carreiras científicas?
Si e non. Creo que a curiosidade científica é universal, e cónstame que hai unha gran parte da xuventude interesada en investigación, así que nese sentido si, moitos. Pero, ao mesmo tempo, non creo que sexa un particular de Galicia. Precisamos máis investimento.

Existen iniciativas en Galicia relacionadas coa astronomía?
Si, hai un tirón moi grande na academia grazas a Minia Manteiga e Ana Ulla, as dúas catedráticas. É fundamental para achegar a astronomía á sociedade e, en particular aos estudantes universitarios, que son a seguinte xeración.