Novas voces para enfrontar o odio

Mozas e mozos visitaron distintos sitios de Galicia coñecendo historias de loita e superación que marcaron a súa historia recente para transformarse en futuros axentes dun cambio social

Un momento durante a Ruta contra os Discursos de Odio en Pena Trevinca. EP
photo_camera Un momento durante a Ruta contra os Discursos de Odio en Pena Trevinca. EP

Nun mundo onde os discursos de odio proliferan sen freo e a desinformación se extende como unha teima silenciosa coas redes sociais como lanzadoras, é esencial buscar espazos que promovan a reflexión e o cambio. A crecente onda de desconfianza e exclusión que rodea as persoas reclama novas iniciativas que aborden as inxustizas desde a raíz. Nesta contorna, a Ruta contra os Discursos de Odio, organizada pola cooperativa Aventeira, xurdiu como unha resposta incisiva e necesaria, un proxecto que busca transformar a sociedade a través do coñecemento e a empatía.

A iniciativa, que rematou onte, converteuse en moito máis que unha sinxela viaxe por recunchos de Galicia, Asturias e Castela e León. Durante dez días, 25 mozas e mozos procedentes de diferentes puntos de España, entre os que se contaban numerosos galegos, emprenderon unha aventura, que os levou a través de paisaxes e historias que conectan o pasado co presente, cun obxectivo claro: tornar en verdadeiros axentes de cambio. Esta travesía, que comezou e puxo fin en Compostela, estendeu o seu impacto moito máis aló da capital galega, mergullando aos participantes en realidades diversas que destacan as loitas e esperanzas de diversos colectivos.

Nas Rías Baixas, por exemplo, descubriron o esforzo das mariscadoras por dignificar o seu traballo,  feminizado e cunhas condicións laborais duras. A súa determinación foi un exemplo de como a persistencia pode cambiar realidades no futuro. O paso dos voluntarios polo municipio ourensán de Castrelo de Miño trouxo a lembranza dos días de resistencia contra o encoro nos anos 60. O río que antes daba vida ao lugar, agora apenas serve para actividades turísticas, como contaron veciños e veciñas que, décadas atrás, foron testemuñas directas cando eran cativos. Os relatos de familias que perderon o seu sustento foron un recordatorio de como as decisións políticas poden marcar o destino dunha comunidade.

Con idades comprendidas entre os 18 e os 29 anos, a metade dos participantes na iniciativa da cooperativa Aventeira son galegos

Cando se achegaron a Casaio, en Carballeda, na fronteira con León, visitaron a  Cidade da Selva, un refuxio para a guerrilla antifranquista, guiados por un arqueólogo que contou as historias de resistencia contra o réxime. Tamén estiveron cos mineiros en Langreo, en Asturias, ou co colectivo Cabrera Despierta, na súa pelexa contra os macroproxectos eólicos.

Na provincia de Lugo, en Ribadeo, exploraron As Fadegas, pioneiros na agricultura ecolóxica dende hai 40 anos, e aprenderon sobre as dificultades e as vantaxes de cultivar de xeito sostible. En Lourenzá, coñeceron o movemento Nos Plantamos, que defende a soberanía alimentaria e a agroecoloxía. O seu paso pola Ulloa, no festival Agrocuir, demostrou que a diversidade sexual e de xénero tamén ten un espazo no rural, e así, cada destino aportou unha nova perspectiva ao compromiso dos participantes, que foron escollidos pola súa implicación noutros voluntariados ou a súa presenza habitual en movementos sociais.

Houbo unha nutrida participación de galegos e galegas

A metade dos participantes eran galegos, todos con idades entre os 18 e os 29 anos, e incluíron grupos de Santiago, Vigo e Cambre. Agora, coa finalización da súa viaxe, preparan accións que transcenderán nos seus fogares. Tras días de intenso traballo e investigación, levan con eles unha valiosa bagaxe de reflexións que están dispostos a converter en accións concretas. Este proxecto, que cumpriu o obxectivo de crear unha rede de novas voces interesadas nun cambio real da sociedade, inspirounos para alzarse con determinación contra as inxustizas e a discriminación.

O acto de clausura en Compostela. EP
O acto de clausura en Santiago. EP

 

Compostela terá a súa propia ruta contra o odio

No acto que clausurou a Ruta contra os Discursos de Odio en Santiago presentouse algunha conclusión que os participantes obtiveron na viaxe. O grupo de activistas de Santiago pretende poñer en funcionamento unha iniciativa semellante á que viviron, pero adaptada á capital galega. Así, intentarán visibilizar a nivel local as distintas loitas sociais, tanto históricas como actuais, que tiveron lugar na cidade santiaguesa.

As conclusións finais serán presentadas proximamente nun comunicado oficial, xa que todos os participantes realizarán accións de devolución nos seus territorios de orixe –Euskadi, Andalucía, Aragón ou Madrid, entre outros–. Por exemplo, o grupo de vigueses non descarta realizar accións relacionadas coa defensa do colectivo LGTB

A xornada de peche contou coa presenza de Cristina González Cebas, subdirectora xeral de análise e estratexia de Axenda 2030 do Goberno de España, e de Xan Duro Fernández, concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais de Santiago. Ambos trasladaron a súa enérxica noraboa ao proxecto, que está enmarcado no programa Impulsando os ODS na educación formal.