A eólica lanza un SOS

A parálise xa se traduce en cifras: Galicia produce menos enerxía por muíño que en 2020. O ano pasado instaláronse unicamente 8 megawatts na comunidade; en Aragón, 308

Parque eólico.EP
photo_camera Parque eólico. EP

A parálise xudicial da eólica galega xa se traduce en cifras: os muíños producían en 2020 un total de 9.994 gigavatios hora (GWh), mentres que o ano pasado quedaron en 9.068 GWh

Unha redución que é consecuencia directa da fervenza de suspensións cautelares a proxectos por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e que levou á patronal eólica a poñer o berro no ceo e lanzar un SOS á Xunta, que atendeu a chamada e este xoves reuniuse con representantes do sector para dar lugar a un acordo contra o veto.

E nese acordo buscan, ademais, unha terceira pata: o Goberno central, do que esperan o seu "apoio" para desbloquear a parálise. "O que lle imos pedir ao Ministerio [de Transición Ecolóxica] é ir da man", indicou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen lamentou que "cada día hai unha resolución cunha nova parálise dun eólico e isto supón incerteza para o sector, problemas de carácter económico e problemas que afectan á implantación de industrias en Galicia".

Na mesma liña pronunciouse José Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia (Ega), que puxo sobre a mesa uns irrefutables datos do prexuízo xudicial ao sector: en Aragón instaláronse o ano pasado 308 megawatts en turbinas eólicas e en Castela A Mancha, 92. Cantas en Galicia? Só 8 megawatts.

"Seguimos freados, sen perspectiva de avance renovable en plena transición enerxética. E vendo caer o maná noutros territorios", indicou.

As abismais diferenzas de potencia instalada son só a punta do iceberg dunha conxuntura máis complexa, que lastra unha industria que necesita beber de renovables.

"Asistimos impávidos aos multimillonarios investimentos que se anuncian noutras comunidades: unha planta de hidróxeno verde en Andalucía por 2.000 millóns, a megarred de datos de Amazon en Aragón que construirá Amazon por 16.000 millóns, a gran fábrica da compañía Windar Renovables en Avilés... E mentres, Galicia ten propostas para implantar fábricas de coches eléctricos, pero falta enerxía renovable", lamentan desde a Ega.

"Temos un recurso renovable e autóctono que nos ofrece excelentes oportunidades de desenvolvemento industrial, emprego estable e rural, prezos baratos para consumidores e competitivos para as empresas electrointensivas, independencia enerxética e atmosfera moito máis limpa evitando cantidades inxentes de emisións de dióxido de carbono. Con todo, estamos freados, cando estar parados é dar marcha atrás na conxuntura actual”, lamenta o sector a través dun comunicado, unha patronal eólica que carga con dureza contra o TSXG.

Oito fábricas perdidas en dez anos

Desde o punto de vista da asociación, os ríxidos parámetros ambientais que rexen a doutrina do tribunal galego —que só deu luz verde a cinco proxectos eólicos mentres paralizou 59— redundan en consecuencias "desastrosas" para a industria galega.

Un botón de mostra é que a comunidade "perdeu oito fábricas de aeroxeradores no últimos dez anos, e xa só quedan dous", advirte a patronal, que lembra que os proxectos que Galicia frustre buscarán acomodo "noutros territorios".

"Galicia ten un potencial enorme: recurso eólico de calidade, avanzada loxística, portos e formación cualificada. Estamos a destruír o tecido empresarial, cernando o desenvolvemento industrial e afogando a implantación de enerxía limpa e renovable”, lamenta o sector eólico.

Amparo a Bruxelas

O mal diagnóstico compárteo a conselleira Ángeles Vázquez, quen, iso si, quixo trasladar unha mensaxe de ánimo ao sector entre tanto mensaxe pesimista. "Non imos quedar de brazos cruzados", dixo o xoves na reunión, onde mostrou o compromiso da Xunta reflectido na súa recente viaxe a Bruxelas, de onde regresou con "confianza" en que a Xustiza europea interveña cun veredicto favorable á reactivación da eólica galega.