Cristina Vázquez (Teimas): "A traballar por e para as persoas non che ensinan nas facultades"

Esta enxeñeira informática foi galardoada co Premio Ada Byron na XVI Noite do CPEIG debido ao seu liderado á fronte dunha empresa galega pioneira na aplicación da tecnoloxía á xestión de residuos
Cristina Vázquez, Conselleira delegada da empresa Teimas. EP
photo_camera Cristina Vázquez, Conselleira delegada da empresa Teimas. EP

Todo pasa pola tecnoloxía para construír un mundo mellor no futuro. A enxeñeira informática Cristina Vázquez (Santa Comba, 1986) é unha desas persoas que se encarga de que a sociedade evolucione hacia un punto mellor. Dende ben pequena, sempre se mostrou fascinada por crear cousas novas, encaixar pezas e resolver problemas. Agora, recibiu o Premio Ada Byron na XVI Noite do Colexio Profesional de Enxeñaría Infomática de Galicia (CPEIG), grazas ao seu traballo como Ceo da empresa Teimas, que comercializa e produce produtos de software vinculados ao mundo dos residuos.

Que sentiu ao recibir esta distinción por parte do CPEIG?
Estou tremendamente orgullosa por este recoñecemento. É certo que a calquera lle fai ilusión recibir un premio, pero, neste caso, que os teus compañeiros de profesión cho entreguen, é unha verdadeira honra.

Semella que dende ben pequena lle interesou este mundo.
Non creas que o tiña tan claro. Era algo moi novo para unha persoa do rural como son eu. Si que é certo que tiña inquietudes por encaixar cousas ou chamábanme a atención os programadores que vía nas películas. Ao final, foi un acerto total, encántame todo o traballo que fago.

Porque estudou Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas e Enxeñaría Informática, pero puido tomar camiños ben diferentes...
Si, recordo que cando era máis nova os meus pais e o meu entorno, como era boa estudante, pensaron que podería cursar Medicina. Eles querían o mellor para min, pero non me encaixaba moito dedicarme a iso, non quixen e acabei indo por outra póla.

Eles entenderon a decisión?
Totalmente. Sempre me apoiaron cos meus estudos. E iso que por aquel entón non era un campo fácil de explicar.

A principios de ano converteuse en Ceo da empresa Teimas, cal é o seu traballo?
Si, a miña etapa como Ceo comezou o pasado mes de febreiro, antes estiven máis dunha década en Teimas, o que me serviu como preparación. Agora, inicio esta fase con moitísima ilusión. Son a xerente, como en calquer outro negocio. Creamos programas de ordenador para empresas que tratan a xestión de residuos.

Que a inspirou á hora de especializarse neste sector?
Empecei na empresa hai trece anos, no 2011. No seu momento, o sector estaba moi burocratizado e pouco dixitalizado. De feito, non había moita transparencia en canto á xestión do lixo e vimos unha oportunidade que podiamos aproveitar. Ademais, teño un especial agarimo e interese polos temas de carácter medioambiental e foi bastante doado dar o paso.

Cal foi o maior desafío que se atopou no seu oficio?
Darme de conta de todo o esforzo que hai que realizar para crear produtos útiles para a xente. Para iso está a tecnoloxía, para facer progresar ás persoas. Se queres conseguir isto hai que dar moitos pasos. Con todo, aprender a traballar por e para as persoas foi un dos maiores desafíos. É algo que non che ensinan nas facultades.

Despois de superar esas 'dificultades' pódese dicir que chegou o gran éxito da empresa?
Pode ser. É certo que dende hai varios anos traballamos con grandes grupos empresariais de diversos sectores. Todos eles xeran residuos e a súa xestión ten que adaptarse ás novas normativas europeas. As empresas están moi controladas e deben ter coidado. Nós axudámoslles a trazar un plan para a sostibilidade.Teño clarísimo que a tecnoloxía na xestión de residuos ten moito futuro. Por suposto, queda aínda moito que facer"

"Teño clarísimo que a tecnoloxía na xestión de residuos ten moito futuro. Por suposto, queda aínda moito que facer"

Como valora o impacto da tecnoloxía na xestión de residuos e na sostibilidade ambiental nos próximos anos?
Teño clarísimo que ten moito futuro. A tecnoloxía, en xeral, axuda en calquera eido sempre que haxa alguén traballando detrás. No caso dos residuos hai certa incerteza da que nos aproveitamos, porque ninguén quere falar do lixo. Por suposto, queda aínda moito que facer nos vindeiros anos.

Que lle diría a todas esas rapazas que están considerando realizar algunha carreira en Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría ou Matemáticas (Stem)?
Que o fagan, sempre que realmente queiran. Cando reflexiono doume de conta de que en tódalas profesións hai moitas formas de desenvolverse. Hai algunhas vertentes máis técnicas e outras que esixen un contacto humano, polo que nos podemos adaptar ao que máis nos atrae. Con todo, considero que calquera carreira Stem está para apoiar o progreso e o desenvolvemente en tódalas áreas da sociedade.

Que opinión ten do seu campo, a informática?
Se penso en particular, creo que o noso colectivo de profesionais é moi aberto, cunha gran comunidade e con numerosos grupos para compartir todo tipo de aprendizaxes. Aquí as oportunidades e os retos son constantes.

Comentarios