"Pediría máis reflexión ante os proxectos con contestación social. Que alternativa temos?"

Considerado un dos investigadores en economía e finanzas máis influentes a nivel mundial, Juan Carlos Reboredo foi o elixido por Alfonso Rueda para dirixir un organismo de nova creación na Xunta, a Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, que ten como misión avaliar iniciativas industriais e propoñer políticas económicas. O estradense cre que os esforzos deben orientarse ás renovables, a biotecnoloxía e o sector primario. 
Juan Carlos Reboredo al tomar posesión al frente de la Oficina de Coordinación Económica. EP
photo_camera Juan Carlos Reboredo al tomar posesión al frente de la Oficina de Coordinación Económica. EP

Comezou a súa traxectoria profesional como profesor na Universidade de Santiago e, tras unha breve incursión no mundo da empresa, volveu ao ámbito académico para quedar. Juan Carlos Reboredo exerceu como docente e investigador os últimos 26 anos e o pasado mes de abril deu o salto á Administración. O seu non é un perfil político pero a súa bagaxe fixo que o presidente de Xunta o fichara.

Cal é exactamente o labor da Oficina de Coordinación Económica?
É unha oficina de apoio e asesoramento económico á Presidencia na que se analizan e se dá prioridade a aqueles proxectos de investimento que son estratéxicos para Galicia, en particular aqueles susceptibles de recibir financiamento da UE e que están relacionados coa neutralidade climática, a descarbonización da economía galega e a dixitalización. Tamén se analizan os impactos das políticas económicas e coordínanse accións que abranguen varias consellerías.

En que áreas considera prioritario actuar para reforzar a economía?
Os nosos esforzos deben orientarse, en primeiro lugar, cara o desenvolvemento das enerxías renovables e a diversificación da carteira enerxética; en segundo lugar, cara os sectores da nova economía, especialmente a biotecnoloxía e a intelixencia artificial e, finalmente, cara a modernización do noso sector primario.

Temos un gran potencial para atraer investimentos no ámbito das enerxías renovables e no sector tecnolóxico

Na estratexia da Xunta está atraer e fomentar os investimentos en Galicia. En que ámbitos ve máis potencial?
Temos un gran potencial para atraer investimentos non ámbito das renovables, dispoñemos duns recursos excelentes e o prezo da enerxía é un factor de competitividade clave que, ademais, pode impulsar investimentos en diferentes industrias. Tamén temos grandes oportunidades no sector tecnolóxico, con gran potencial para incrementar a competitividade, a sustentabilidade e a creación de novas empresas de alto valor engadido. Isto non implica que en sectores máis tradicionais e identificados non o haxa tamén.

A contestación social contra algúns proxectos non achanda o camiño ás inversións. Vemos o caso de Altri en Palas ou a suspensión cautelar de parques eólicos. Que mensaxe lanzaría aos detractores?
No que atinxe a investimentos estratéxicos, con impactos a longo prazo, debemos ser cautelosos. A contestación social sempre é respectable, pero debemos avaliar os proxectos con rigor técnico e ambiental, tendo en conta cales son as nosas necesidades e as alternativas das que dispoñemos para cubrilas. A partir de aquí, podemos discutir, e mesmo discrepar, sobre cal é o camiño máis axeitado. Moitos proxectos necesarios para a descarbonización e a transición enerxética están recibindo unha contestación social sistemática. Sen dúbida, precisamos facer máis pedagoxía. Simplemente pediría máis análise e reflexión sobre as vantaxes e inconvenientes de determinados proxectos e, sobre todo, un debate máis construtivo sobre cales son as alternativas das que dispoñemos. 

Os empresarios soen pedir máis facilidades para implantar negocios ou medrar en Galicia e evitar fugas a outros territorios como Portugal. Como gañar competitividade? 
Temos adoptado medidas que reducen a burocracia e axilizan todos os trámites. Contamos cunha xanela única, a Oficina Económica de Galicia, que ofrece asesoramento e acompañamento ás empresas para axilizar a implantación ou expansión das súas iniciativas. Tamén contamos coas figuras de proxecto de interese estratéxico e proxecto de interese autonómico, que a Administración se compromete a tramitar en menos dun ano. Ademais, contamos cunha política de posta a disposición de solo industrial a coste cero durante os primeiros oito anos e estamos traballando na elaboración dos plans directores dos sectores estratéxicos. Son medidas que permiten ás empresas gañar competitividade pero evidentemente non son únicas. Temos que avanzar no abaratamento dos costes enerxéticos, para o que é necesario un maior desenvolvemento das renovables. É preciso seguir apostando pola innovación e o talento, especialmente naqueles sectores con alto valor engadido. As infraestruturas tamén son un ingrediente esencial da competitividade, non debemos quedar illados das autoestradas ferroviarias e debemos xestionar as nosas propias infraestruturas abaratando os custes de transporte ás empresas.

Debemos diversificar a nosa estrutura produtiva para resistir mellor os efectos adversos do ciclo económico

Diversas voces levan tempo pedindo cambios no modelo productivo de Galicia para impulsar o crecemento e atallar cuestións como a estacionalidade do mercado de traballo. Cal é a súa visión ao respecto?
Eu diría que temos que diversificar a nosa estrutura produtiva non só por razóns de estacionalidade do mercado de traballo, senón tamén para acadar unha maior capacidade de resistencia aos efectos adversos do ciclo económico nacional e internacional. A eficacia das medidas para reducir os efectos da estacionalidade varían por sectores. En calquera caso, o mellor antídoto sempre é elevar a produtividade.

Cre que os fondos europeos de recuperación están a ser unha oportunidade perdida para reforzar o tecido produtivo por como se están xestionando e repartindo? 
Serán unha oportunidade perdida se os empregamos en gastos e non en inversións produtivas. A xestión estatal é francamente mellorable. Na nosa comunidade estanse a aproveitar oportunidades de inversión asociadas ao proceso de transición climática. Debemos ter unha actitude proactiva e ter ben pensados e estruturados os proxectos de investimento que queremos desenvolver para anticiparnos ao reparto de fondos e á saída das convocatorias de financiación. Galicia está sendo un exemplo na xestión. Non o digo eu, dio o portal do Ministerio de Economía, que recoñece a Galicia como a comunidade máis áxil á hora de adxudicar estas axudas, resolvendo os apoios máis do dobre de rápido que outras autonomías.

Comentarios