Como atinar á hora de elixir a carreira?

Nun momento crucial tras recibir as notas da Abau, os estudantes enfróntanse á decisión de escoller o seu camiño. A USC ofrece información e consellos fundamentais para tomar unha decisión. Os últimos datos sitúan no 15% a taxa de abandono tras matricularse no primeiro curso dunha carreira na universidade compostelá, unha ratio que vai a menos
Para os estudantes indecisos, sempre queda a opción da Árbore da Ciencia.PEPE FERRÍN
photo_camera Para os estudantes indecisos, sempre queda a opción da Árbore da Ciencia en Compostela. PEPE FERRÍN

Toca escoller carreira! Os alumnos de toda Galicia que se presentaron á Abau xa recibiron as súas notas e, agora, teñen que tomar unha decisión que influirá no seu futuro persoal e profesional significativamente. Atinar á hora de escoller os estudos universitarios non sempre é doado, pero seguindo unha serie de pautas pódese atopar a fórmula para conseguilo.

Esta semana abriu o prazo de preinscrición para as tres institucións do Sistema Universitario de Galicia (SUG), o que permite aos estudantes anotarse nun máximo de cinco titulacións -ata dez nalgún caso-. O prazo estará aberto ata o 1 de xullo ás 14.00 horas e os interesados deberán realizar un procedemento sinxelo a través da plataforma Nerta, a mesma que empregaron nas Abau.

  1. Cales son as disciplinas con menos paro?
  2. A orde na que se consignan as titulacións na preinscrición é clave
  3. Por que medran ano tras ano as notas de corte?

Unha boa elección é chave para evitar deixar a carreira tras o primeiro ano cursado. Os últimos datos da taxa de abandono —que amosa os estudantes que non se matricularon nos dous seguintes cursos ao seu primeiro ano— indica que no 19/20 a porcentaxe na USC estivo lixeiramente por debaixo do 15%, a máis baixa dos últimos cinco cursos académicos segundo explica María José López Couso, vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC.

En canto as motivacións, a catedrática di que cada caso é un mundo, xa que para cada un deles, hai un motivo concreto e diferente. "Non existe a homoxeneidade e as razóns máis habituais van dende decisións persoais por non sentirse a gusto na carreira ata cuestións económicas", apunta a vicerreitora.

A pesar de parecer unha taxa alta, mellora a media do 18% que ostentan no resto de universidades españolas. A baixada é progresiva e dende o curso 15/16 descendeu ata cinco puntos porcentuais, o que parece indicar que os máis novos en Galicia escollen cada vez mellor os seus estudos e que as institucións universitarias empregan protocolos cun contacto máis directo para guialos na súa viaxe ata as súas facultades.

Para as institucións é crucial que o alumno estea informado e, por exemplo, dende a USC, o programa A Ponte ofrece unha serie de charlas temáticas onde profesionais de distintos campos presentan a súa investigación e experiencias. Maite Flores, delegada do reitor da USC para o Ensino Medio, explica que este programa oferta "actividades ao longo do curso que permiten aos estudantes achegarse ás titulacións"

Unha proba son Encontros na zona USC, onde máis de 7.000 estudantes visitan os centros para coñecer en detalle cada titulación e as súas instalacións.

Ademais, outra iniciativa como Portas Abertas: Coñece a USC ofrece visitas guiadas, especialmente no campus de Lugo, para aqueles que recentemente superaron a Abau e buscan información adicional sobre os títulos que lles interesan. "Todo isto permite coñecer de primeira man os contidos e expectativas das titulacións, evitando así unha posible matrícula a cegas", comenta Flores.

Os próximos universitarios deberían aproveitar a ampla información dispoñible na web da USC. Na sección 'futuros estudantes', pódense atopar detalles sobre cada titulación, incluíndo os contidos, a distribución de materias por curso e as principais saídas profesionais facilitando que os aspirantes teñan unha visión completa das opcións dispoñibles.

Cales son as disciplinas con menos paro?

Segundo o Ine, as titulacións cunha taxa de paro máis reducida en Galicia no 2023 foron as ligadas ás ciencias sociais, xornalismo e documentación, cun 5,2%, seguidas das ciencias naturais, químicas, físicas e matemáticas (5,5%).

Os futuros estudantes terán que valorar isto, así como as prácticas ou os intercambios con universidades (como o programa Sicue ou o Erasmus), que tamén poden marcar a diferencia á hora de conseguir un posto no futuro.

Con todo, se algo é sumamente importante é o feito de considerar a paixón persoal pola materia, xa que estudar algo que realmente gusta pode conducir a mellores resultados e maior satisfacción a longo prazo. Todo o que se fai con certa dose de amor sae mellor e, tamén, de moito mellor humor. Sentirse cómodo co que un fai podería ser un bo punto de partida.

Coa información adecuada e utilizando os recursos dispoñibles, como os programas de orientación e as actividades informativas, os futuros universitarios galegos poden asegurarse de tomar a mellor decisión posible, baseada tanto nos seus intereses persoais como nas oportunidades profesionais que cada titulación ofrece.

A orde na que se consignan as titulacións na preinscrición é clave

Maite Flores recomenda a todos os futuros estudantes reflexionar concienciudamente sobre a orde na que se solicitan as titulacións, xa que unha vez que se realiza a preinscrición, a adxudicación seguirá a orde de preferencia indicada, sempre que haxa prazas vacantes na titulación solicitada polo alumno.

Por que medran ano tras ano as notas de corte?

A tendencia nas notas de corte das carreiras universitarias en Galicia mostrou un aumento nos últimos anos. Este incremento está relacionado co tipo de exame Abau durante os anos do covid. Os cambios nas dinámicas de avaliación contribuíron a unha subida notable nas puntuacións.

Co cambio no modelo de exame Abau que se producirá o próximo ano, é esperado que esta tendencia de subida tamén se modifique.

No curso 23/24, ao igual que o ano anterior, a carreira coa nota de corte máis alta en Galicia foi o doble grao en Matemáticas e Física cun 13,5. En segundo lugar posicionouse o doble grao de Enxeñaría Informática e Matemáticas, cun 13. Ambas titulacións son ofertadas pola USC.

Comentarios