"Non nos parece ben que o sector forestal dependa case en exclusiva do eucalipto e o piñeiro"

Cunha ampla traxectoria como profesor e investigador, o presidente da Asociación Forestal de Galicia, Antonio Rigueiro, é unha das personas que mellor coñece o monte galego. Ante eivas como o abandono e o minifundismo, avoga por concentrar propiedades
 
Antonio Rigueiro, presidente da Asociación Forestal de Galicia. DP
photo_camera Antonio Rigueiro, presidente da Asociación Forestal de Galicia. DP

Catedrático emérito do departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica de Lugo da USC, este enxeñeiro do Incio analiza nesta entrevista algúns dos problemas que segue a arrastrar o monte e lanza unha serie de propostas para diversificar a produción con especies diferentes ás vellas protagonistas en Galicia.  

Se tivera que facer unha análise do que é hoxe en día o monte galego, que destacaría como principais puntos fortes e fraquezas?
Entre as fortalezas destacaría a extensión, pois dúas terceiras partes da superficie de Galicia é terreo forestal; tamén o feito de que algunas comarcas, especialmente o norte das provincias de Lugo e A Coruña, teñan a produtividade más alta de Europa; que máis da metade da madeira que se corta anualmente en España se concentre en Galicia; que nun produto forestal non madeireiro como a castaña tamén aportemos máis da metade da que se comercializa en todo o país; e que temos un tecido industrial sólido. E entre as debilidades apuntaría a escasa diversificación da produción forestal madeireira; a estrutura minifundista da propiedade no caso dos particulares; os problemas sanitarios dalgunas especies; a recesión demográfica do rural; a falta de relevo xeracional; ou os incendios, aínda que afortunadamente este ano non está sendo tan dramático como outros. 

A diversificación de especies e aproveitamentos segue a ser entón una asignatura pendente. 
Non nos parece bo que un sector forestal tan importante como o galego dependa, desde o punto de vista económico, case exclusivamente de dous grupos de especies arbóreas: piñeiros e eucaliptos. Supón, ademais de implicacións na paisaxe e no perigo de incendios, una serie de riscos: económicos, se baixan os prezos das madeiras desas especies; sanitarios, pois cada vez hai máis pragas e doenzas que lles afectan; e ambientais, xa que soen ser plantacións monoespecíficas e coetáneas cunha estrutura simple e biodiversidade limitada. Na AFG apostamos pola recuperación dos piñeiros a través da mellora xenética, da loita contra os problemas sanitarios e de liñas de axudas que garantan a aplicación dos tratamentos culturais e silvícolas encamiñados a producir madeira de calidade, para que se convirta nunha opción atractiva para os propietarios. Tamén pola recuperación de frondosas distintas dos eucaliptos. Neste senso, a Consellería do Medio Rural aprobou un programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña e unha estratexia para a xestión activa das masas de frondosas que agardamos que dean froitos nun futuro próximo.

Apréciase certa caída no prezo da madeira de piñeiro para serra e trituración e do eucalipto para pasta de papel

Como se están a comportar os prezos do piñeiro e o eucalipto?
Os datos que manexamos, aportados fundamentalmente por propietarios forestais e industrias de transformación da madeira, reflicten unha certa estabilidade se comparamos os prezos de xullo deste ano cos de decembro de 2023, aínda que se aprecia unha moderada caída na madeira de piñeiro para serra e trituración e do eucalipto para pasta de celulosa.

O ano pasado cortouse menos madeira en Galicia. A que se debeu?
Nos últimos anos vénse observando unha tendencia ao incremento do volume de madeira cortada, aínda que o 2023 supuxo un certo retroceso en comparación co 2022 que marcou un fito na evolución histórica. Cortáronse 10,7 millóns 
de metros cúbicos por valor duns 348 millóns de euros. O retroceso débese a unha menor demanda industrial e á caída dos prezos. A evolución amosa un aumento progresivo das cortas de eucalipto e unha diminución das de piñeiro.

Que uso recomendaría dar hoxe a un terreo forestal en Galicia?
Depende de factores como a calidade de estación, solo, altitude ou clima e, por suposto, do interese do propietario. Os piñeiros actualmente non son moi atractivos, especialmente o piñeiro insigne polos seus problemas sanitarios. Barállanse alternativas doutras coníferas: abeto de douglas, sequoia, criptomeria, lárice, cedro. Os eucaliptos están sometidos a unha moratoria ata finais es 2025. O castiñeiro pode ser unha alternativa rendible, pero tamén ten os seus problemas sanitarios. Os chopos interamericanos, con clons que se adaptan ben aos terreos acedos e de rápido crecemento, poden ser opcións a ter en conta. Tamén outras frontosas como a cerdeira, o freixo, o carballo americano, o nogueiro americano ou o híbrido. O cambio climático pode aconsellar plantar sobreiras ou oliveiras nalgúns montes. Se se dispón de man de obra, en terreos de calidade pode ser interesante a combinación de plantacións forestais con cultivos agrícolas ou pastoreo.

A abandono do monte podería atallarse con medidas coercitivas, pero é perigoso. A agrupación pode ser o máis viable

O abandono do monte é un lastre. Que medidas poderían ser efectivas para atallalo?
O abandono do rural é unha realidade, e non só en Galicia. Hai montes veciñais con xuntas rectoras activas e que están ben xestionados, pero en moitos casos non é así e están abandonados ou infrautilizados, incluso nalgúns casos non hai quen queira asumir os cargos directivos. Nos montes de particulares hai bastante absentismo, propietarios desentendidos. Non hai relevo xeracional en moitos casos. Tampouco hai man de obra para os traballos. A estrutura da propiedade non axuda. Non é doado atallar este problema. Pódese intentar con medidas coercitivas, o que pode ser perigoso. Tal vez a forma máis viable sexa, polo menos nalgúns casos, a través de concentracións ou agrupacións, acabar dimensións que permitan unha xestión técnica razoable e fagan rendibles os terreos.

A lei de recuperación da terra agraria de Galicia contempla as agrupacións de xestión conxunta do monte. Hai propietarios dispostos a impulsar esta figura ou impera o rechazo ao asociacionismo?
Na AFG estamos implicados na promoción dunha ducia delas. Coido que o importante é empezar, pois unha vez que estean funcionando algunhas e se coñezan os seus beneficios, seguramente se xerará un interese amplo. Deben ser como mínimo tres propietarios que agrupen unha superficie mínima de dez hectáreas. Conservan a propiedade das súas parcelas, é dicir, non se moven os marcos, o que é moi importante en Galicia. Os montes de propiedade colectiva teñen xeralmente unha superficie que permite una xestión técnica razoable, pero os de particulares, os máis produtivos, repartidos entre centos de miles de propietarios que ademais posúen moitas parcelas de pequena dimensión, son dificilmente xestionables sen concentracións ou agrupacións.

A proporción de propietarios descoñecidos é moi alta en Galicia?
Nalgunhas comarcas si, e iso dificulta a concentración. Nas zonas máis rendibles e produtivas, como a Mariña, a situación é distinta.  

"O 52% dos socios están a favor da planta de Altri e un 40% non"

O proxecto de Altri para Palas de Rei está a xerar unha forte contestación, fundamentalmente polo temor ao impacto medioambiental. Cal é o sentir dos membros da Asociación Forestal de Galicia sobre a instalación desta planta para fabricar fibras textiles a partir de madeira certificada?
Fixemos unha enquisa sobre este tema. O 52% dos socios que responderon están de acordo coa instalación dunha nova industria de transformación do eucalipto en Galicia, o 40% en contra e o 7,6% manifestou non ter opinión suficientemente formada ao respecto. Polo que se refire á localización da planta, ao 41% non lles parece axeitada a súa ubicación en Palas de Rei, mentres a un 34,2% parécelles ben. O 24,8% non se pronunciou. Os socios manifestaron que, no caso de que a planta se estableza, os controis do impacto ambiental deben ser moi rigorosos, velando polo cumplimento da normativa local, nacional e da Unión Europea.

A Xunta di que Galicia dispón de eucalipto suficiente para abastecer a planta de Altri. A finais de 2025 remata o veto a novas plantacións de esta especie alí onde non as houbo antes. Cren que debe extenderse ou non esta medida?
Será unha decisión política a que deseñe o camiño tras a moratoria, sendo en principio tres as posibilidades: prorrogar a medida, retornar á situación anterior ou establecer unha regulación das plantacións de eucalipto. Hai uns anos, o prezo baixo da madeira de piñeiro en comparación co do eucalipto conduciu a que se incrementaran de forma moi importante as plantacións de eucaliptos, sobre todo o nitens, que medra máis que o globulus e é menos sensible á praga do gorgullo. Produciuse una desviación en relación coas previsións do Plan Forestal de Galicia que puxo en perigo o equilibrio do sector, que ía camiño de depender só do grupo de especies dos eucaliptos, cando en Galicia hai industrias que utilizan doutras árbores. 

As suspensións de parques eólicos privan ás comunidades de montes dunha fonte de ingresos importante

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia suspendeu cautelarmente máis de medio cento de proxectos eólicos nos últimos meses ante posibles danos ambientais irreversibles. Que efectos tería para os propietarios forestais a posta en marcha deses parques?
Os parques eólicos son unha importante fonte de ingresos para as comunidades de montes onde se instalan, polo que as suspensións cautelares están privando deses beneficios. Esas suspensións, algunhas polo menos, están recurridas noutras instancias xudiciais, así que haberá que agardar ás resolucións. En calquera caso, somos moi respectuosos coas decisións xudiciais e tamén entendemos que se deben ter en conta as implicacións mediambientais, sobre bens de tipo cultural e incluso sobre a paisaxe.

O sector leva tempo pedindo melloras na fiscalidade para os propietarios forestais. Cal é a proposta?
Unha das peticións e corrixir a incompatibilidade actual de aplicar o réxime de estimación directa e o de estimación obxectiva de forma simultánea para diferentes actividades, polo que unha persoa que calcule o IRPF dunha actividade aplicando o réxime de estimación directa está obligada a aplicar o mesmo para a actividade forestal. Por exemplo, se dous propietarios venden maderia polo mesmo importe e un é autónomo e o outro asalariado, o primeiro pagará moitos máis tributos.

Comentarios