Receitas contra o "abuso" coas baixas: de facelas parciais a recortar a prestación

Son as propostas dun experto en Seguridade Social para conter o gasto que xeran, de 38 millóns de euros de media ao día en 2023 tras case duplicarse en cinco anos
Dos obreros de la construcción. RAFA FARIÑA
photo_camera Dous obreiros da construcción. RAFA FARIÑA

O crecemento acelerado das baixas laborais practicamente duplicou o gasto que carrexan para o sistema nos últimos cinco anos. O custo das prestacións por incapacidade temporal –que engloba as enfermidades comúns e profesionais e os accidentes de traballo– pasou de 7.485 millóns de euros en 2018 a 14.005 millóns en 2023 para a Seguridade Social e as mutuas colaboradoras, o que supón un incremento do 87%. A gran maioría de procesos e tamén os que máis despuntaron foron os causados por enfermidade común. 

É o escenario no que pon o foco un estudo de Fedea asinado por Octavio Granado, o que fose dúas veces secretario de Estado da Seguridade Social, primeiro con Rodríguez Zapatero e despois con Pedro Sánchez. Advirte que o custo da incapacidade temporal "crece aceleradamente e pode afectar á sustentabilidade do sistema".

Os datos mostran que nun lustro as baixas aumentaron un 35%, ata 8,1 millóns de procesos iniciados en 2023. Granado sostén que estas cifras non se explican só por motivos sanitarios pois, máis aló de cuestións como as listas de espera, a esperanza de vida aumentou e a mortalidade na etapa laboral diminuíu. Tampouco pola boa marcha do mercado de traballo como argumento para afirmar que se hai máis ocupados haberá máis baixas.

O experto alude á "cultura do abuso" en prestacións sociais en España e sinala que en ocasións os propios empleadores "son corresponsables" do seu mal uso para evitar litixios.

Con ese pano de fondo, Granado chama a impulsar reformas que contribúan a que as persoas en idade de traballar sigan en activo e non busquen "sistematicamente atallos" que os retiren do mercado laboral para que "as prestacións complementarias non teñan indicadores de crecemento máis altos que as propias pensións e os salarios".

Compaxinar prestación e traballo

Unha das súas receitas para conter o gasto pasa por facer compatible a incapacidade temporal cunha xornada laboral parcial nalgunhas situacións e momentos da prestación. Indica, por exemplo, que nalgunhas patoloxías de saúde mental recoméndase a laborterapia. Ou que para persoas afectadas por accidente de traballo pode ser recomendable volver de forma paulatina á actividade ao final do proceso de rehabilitación. 

Sinala, en calquera caso, que habería que lexislar con ollo para evitar situacións de picaresca, como buscar que a "incapacidade parcial para conseguir reducir xornadas demasiado atafegantes".

Penalizar a reincidencia

Outra das receitas pasa por diminuír a contía da prestación naqueles casos nos que, sen existir unha enfermidade crónica, se reincide nas baixas. 

Tamén expón recargas nas cotizacións á Seguridade Social para empresas que inclúan en convenio o compromiso de complementar ata o 100% das remuneracións dos empregados en situación de incapacidade temporal por enfermidade común.

Baixas por saúde mental

E propón que as baixas vinculadas coa saúde mental, que foron en aumento, esixan logo dun determinado período de tempo que sexa un médico especialista o que ratifique o estado no que se atopa a persoa. "Son unha das formas de abuso da prestación máis frecuente", algo que achaca entre outras cuestións á formación que teñen os médicos de familia en saúde mental.

Comentarios