Néstor Rego: "O nacionalismo é a principal liña de defensa que ten Galiza"

Á fronte da principal forza dentro do BNG, o secretario xeral da UPG, Néstor Rego, ve ao Bloque "nun bo momento", aínda que avoga por acelerar para "conquistar a hexemonía social". Ironiza con que, sendo unha forza soberanista, o BNG é o único que fai "autonomismo" para que Galicia sume competencias ante a "renuncia" do PP e o PSOE
Néstor Rego, secretario xeral da UPG e deputado do BNG no Congreso. Pepe Ferrín
photo_camera Néstor Rego, secretario xeral da UPG e deputado do BNG no Congreso. Pepe Ferrín

Vén de ser refrendado no cargo de secretario xeral da UPG no que leva dende o 2012 e incide en que para o nacionalismo a "prioridade é resolver os problemas sociais e económicos dos galegos", o que pasa por que a comunidade teña "máis capacidade para decidir" por si mesma. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (O Vicedo, 1962), que ten entre os seus proxectos pendentes restaurar a Vespa que mercou na súa mocidade, sostén que aínda que o Bloque viviu "momentos complicados" soubo "manter o rumbo".

Que folla de ruta se marca para os vindeiros catro anos na UPG?

O fundamental é fortalecer o nacionalismo galego. É o obxectivo. Somos unha forza política integrada no BNG que renunciamos a facer unha actividade externa porque entendemos que quen ten que dirixirse á sociedade é o Bloque Nacionalista Galego. O nacionalismo está nun bo momento, pero iso implica un gran reto: manterse e seguir avanzando. Hai que acertar nas estratexias axeitadas para conquistar a hexemonía social neste país. Algunhas chaves están claras: hai que ampliar a organización conseguindo que entre máis xente, especialmente nova, e hai que consolidarse en todos os concellos. Nisto serán chaves as municipais en tres anos. Tamén vemos necesario o traballo de agrandar a conciencia nacional deste país; explicarlle á xente que se queremos ter maior calidade de vida temos que confiar nas nosas propias forzas. Iso faise atendendo á conflitiva realidade social. Hai moitas frontes abertas e o nacionalismo é a principal liña de defensa que ten Galiza.

O presidente do PPdeG e da Xunta dixo no Parlamento que o domingo a UPG marcou como prioridades "o independentismo, o monolingüismo e a ideoloxización" en lugar de abordar outros problemas sociais… Como interpreta esta lectura?

Está claro que Alfonso Rueda nin leu as teses da UPG nin escoitou as intervencións. O que lle interesa ao Partido Popular é ensarillar as cousas para evitar dar explicacións sobre a súa incapacidade para resolver os problemas deste país. É unha estratexia que cada vez é menos eficaz. Para o nacionalismo galego, a prioridade é resolver os problemas sociais e económicos que temos os galegos. O que acontece é que temos alternativas diferentes e unha das chaves é que teñamos máis capacidade para decidir por nós propios. Entre os grandes 'méritos' do PP nos últimos 15 anos está que Galiza non asumiu nin unha soa nova transferencia fronte a outras comunidades. É absolutamente erróneo. Canta máis capacidade teña a administración galega para actuar, mellor poderá resolver os problemas en función dos intereses do país. Rueda segue con esa mentalidade de delegado do que lle digan dende Génova, como facía Feijóo. Curiosamente, sen sermos forza autonomista, porque o BNG é soberanista, somos a única forza que está facendo autonomismo ante a renuncia do PP e do PSOE. Somos os únicos que reclamamos que, como mínimo, se completen as competencias previstas no estatuto de autonomía e negociamos co Goberno acordos que favorecen aos galegos, como o que deu pé a que se iniciaran os estudos para implantar un servizo de cercanías ferroviarias ou para que a Galiza se lle condone ou compense a débeda en igual porcentaxe que a outras comunidades como Cataluña.

Temos que ampliar a organización e é necesario traballar para agrandar a conciencia nacional deste país"

Aínda que conseguir o estatus de nación é un obxectivo central para a UPG e o BNG, vostede coincide con Ana Pontón en que agora non é o momento. Cústalles que os galegos o vexan como unha necesidade?

O primeiro que convén aclarar, é que a UPG e o BNG son cousas diferentes. Un é un partido político cunha determinada orientación no camiño do socialismo e outro é unha fronte ampla na que caben xentes que teñen diferentes posicións políticas e ideolóxicas tanto no plano nacional como no social.

Pero a UPG ten gran peso no BNG…

Ten peso, pero non é maioritaria en ningún organismo de dirección do BNG, que é unha forza democráctica que decide as cousas asembleariamente e sobre a base dun militante un voto. Hai xente con distintas posicións ideolóxicas e tamén en relación a como resolver a cuestión nacional: cun estado independente, unha confederación ou un estado xenuinamente federal. Unha cuestión son os obxectivos estratéxicos e outra é que para chegar a iso hai que traballar. Desde a nosa perspectiva, é unha absoluta irresponsabilidade que o PP e o PSOE non fagan nada en 15 anos para que Galiza non perda estatus competencial en relación con Euskadi e Cataluña. Hai aprobada unha lei de policía galega dende o 2007 e está metida no caixón porque non lles interesou desenvolver unha competencia chave en Galiza, que tendo o 6% do territorio do Estado ten a metade de kilómetros de estradas e a maior parte dos accidentes concentrados en vías secundarias. Isto xustifica a transferencia da competencia de tráfico. Ademais, o PP non se molestou en negociar unha condonación da débeda. Ten que ser o BNG o que resolva o problema e xa dixo a ministra de Facenda que nas próximas semanas vai comezar a negociación con Cataluña, Galiza e Andalucía, nesta orde.

Néstor Rego, o secretario xeral da UPG e deputado do BNG no Congreso.Pepe Ferrín

Pasaron 12 anos dende a Asemblea de Amio, un tempo no que vimos como foron esmorecendo proxectos como o de Anova, Age, En Marea… O tempo amosou que o nacionalismo ten máis forza unido?

O tempo demostrou que o BNG estaba na posición correcta cando defendía que temos que confiar nas propias formas, na autoorganización do pobo galego. Non podemos confiar en que haxa forzas de ámbito estatal que se preocupen dos intereses de Galiza. Algunhas organizacións acabaron recoñecéndoo. O nacionalismo non ten outra dependencia que non sexan os intereses do pobo galego. Esa coherencia é unha das chaves da recuperación e do éxito político e electoral nos últimos tempos. Pasamos momentos complicados, pero mantivemos o rumbo. Calquera tipo de alianza e converxencia debe facerse sempre sobre a base dese criterio da soberanía plena das organizacións políticas galegas. Cando outros deciden por nós a 600 kilómetros en Madrid ou a 1.800 en Bruxelas, moitas veces deciden contra os nosos intereses como pobo. 

Reclamaremos non esperar a finais do 2025 para abrir a A-54"

Revisaron co PSOE o cumprimento do acordo de investidura e reclamaron maior “axilidade”. Para cando a ampliación das bonificacións na AP-9?

Cremos que se pode facer xa. O Goberno alega que non hai orzamentos para 2024, pero existe unha partida para as bonificacións que se estableceron no 2021 que non se gasta na súa totalidade. Pódese tirar dela. Trátase de ampliar ata o 75% bonificacións para usuarios superrecorrentes. Reclamámoslle ao PSOE que o faga xa e quedaron en volver estudalo. No caso da AP-53, sabemos que non hai unha partida específica e estamos dispostos a admitir que haberá que esperar a que haxa orzamentos do 2025. En todo caso, as bonificacións teñen que ser transitorias. O obxectivo é que a AP-9 deixe de ser de pago. A UE di que as prórrogas foron ilegais. Polo tanto, corresponde poñerlles fin.

Ve vontade no Goberno?

Non. Claramente digo que non. Así como reafirman a vontade de cumprir o acordo de investidura en canto ás bonificacións, o propio ministro dixo unha e outra vez que non vía viable o rescate. Pedimos un estudo rigoroso que indique canto vai custar e como se pode actuar xuridicamente. Temos a certeza de que está moi lonxe das cifras ás que aludiu o ministro, que falou primeiro de 4.000 e logo de 6.000 millóns. E tamén lembramos que algunha das forzas políticas maioritarias cuestionou os, como mínimo, 4.000 millóns que se destinaron ao rescate das radiais madrileñas? É discriminatorio e inxusto que se nos condene a seguir pagando ata o 2048.

No tocante á A-54, o ministro dixo que estaría rematada para finais do 2025. No acordo co BNG falábase de finais do 2024...

Si. Non é xustificable. Sabemos que houbo problemas con algunhas concesionarias pero os compromisos están para cumprilos. O Goberno debe esforzarse para axilizar as obras e poder abrir a A-54 o antes posible. A previsión é que no 2024 se abra o tramo Palas-Melide e será un grande alivio, pero imos reclamar axilidade para que, se non se dá aberto todo no 2024, non se espere a finais do 25, que se faga o antes posible. É vergoñento. A autoestrada que leva 30 anos en execución.

Este domingo haberá fútbol, con quen irá?

[Risas] Non sei. Teño que recoñecer que non sigo o fútbol. Son un pouco raro niso.

Comentarios