Un coche na app para quen o necesite

Mobify prevé expandir o carsharing, que permite alugar un vehículo incluso por uns minutos, máis aló de Ourense, con probas "antes do verán" na Coruña, Santiago e Lugo. O seu obxectivo é cubrir toda Galicia.
Un coche híbrido de carsharing de Mobify. EP
photo_camera Un coche híbrido de carsharing de Mobify. EP

Calcula José Manuel Martínez que, se se reproducen as dinámicas que se observan nas grandes urbes, cada vehículo de carsharing saca das rúas "entre 12 e 16 coches particulares".

É unha ganancia ambiental, pero tamén de espazo público, que Mobify, da que Martínez é un dos socios fundadores, introduciu en Ourense a comezos do ano pasado, cando arrincaron cunha decena de automóbiles dispoñibles para alugar incluso uns minutos a través dunha app, e que agora aspira a trasladar ao resto de Galicia. Empezando, con percorridos de proba "antes do verán", por A Coruña, Santiago e Lugo, as tres cidades onde perciben maior demanda deste servizo de "mobilidade sostible". 

Unha frota de case 40 coches que superará os 150

"Criamos que se isto funcionaba en Ourense podería funcionar en calquera lado", explica Martínez sobre este proxecto desenvolvido "todo aquí" e que quixeron testar nunha "cidade pequena, controlable". E aínda que en principio non consideraban que a poboación da cidade das Burgas fose exactamente o seu "perfil de usuario", a evolución do que comezou como un proxecto piloto sorprendeu os seus promotores, ata o punto de que acaban de cuadruplicar a súa flota, que xa se achega aos 40 vehículos.

"Para que Mobify sexa alternativa de mobilidade, ten que ser un servizo 24/7", explica. O quid é garantir a dispoñibilidade de coches e, ademais, que estean á man. "Se o cliente se levanta para ir traballar e ten en mente Mobify pero non atopa un coche preparado, deixará de ser unha opción para sempre". 

O exemplo responde a que esta plataforma se destina, fundamentalmente, aos veciños. "É a parte central", subliña Martínez. Alugar un coche un intre para ir facer a compra nun centro comercial, un par de días o fin de semana para achegarse á praia, coller un para poder entrar nas zonas de baixas emisións de grandes cidades como Madrid...

Son usos que, nalgúns casos, revelan que a cobertura de mobilidade nas conexións interurbanas e algunhas zonas do rural "non estaba do todo satisfeita", reflexiona o responsable de Mobify para incidir neste valor de servizo público co que están agora en conversas cos concellos doutras cidades galegas para estender a app ata elas, coa vista posta tamén en introducir novidades como poder alugar un coche nunha localidade e deixalo noutra. De cara a iso, prevé que, para final de ano, a flota de coches estea xa entre os 150 e os 200. 

Así mesmo, están en conversas cos gobernos municipais para habilitar zonas de aparcadoiro para o carsharing, de novo baixo a premisa de que esta modalidade de vehículos compartidos leva, ao cabo, unha racionalización do espazo público. 

"Non pedimos un espazo concreto, pero esperamos que os concellos se dean conta de que é unha necesidade para os cidadáns" e que estes non "van utilizar o servizo se teñen que aparcar a seis quilómetros do centro". 

Ao tempo, Martínez ve útil esta vía para unha vertente turística do negocio que vai gañando peso progresivamente. "Unha das zonas de máis afluencia é a estación intermodal de Ourense", vinculada en boa medida ao Ave, apunta.

De feito, Martínez relata que foi a intervención "dunha presentadora de Telecinco", que contactou con eles para alugar un vehículo co que chegar a Sarria para iniciar aí o Camiño, o que lles confirmou a "gran demanda" que ofrece estoutro nicho cara ao que tamén enfocan agora o seu interese.

Por quilómetros ou por días

Mobify ofrece dúas opcións: o share, na que o coche se aluga por quilómetros, e o rent, que se fai por días

A reserva do coche é de 4 euros e, no primeiro caso, o prezo son 0,69 euros o quilómetro. Pódese manter bloqueado, por exemplo se se para a comer, por 6 céntimos o minuto. No segundo, un día son 60 euros e hai descontos progresivos ata os 29,97 euros que suporía un mes. Martínez engade que adoitan lanzarse promocións. O combustible está incluído. 

Os coches recóllense e déixanse aparcados na propia rúa. A app localiza os máis próximos e guía ata eles. A frota aposta pola funcionalidade e divídese entre os Fiat 500 e os Toyota C-HR, cos que se pretende "cubrir as necesidades de cada cliente". Todos son híbridos "por agora", xa que a idea é tender ao eléctrico. Pero, para iso, Martínez espera que mellore a infraestrutura de carga. 

Xa hai uns 10.000 usuarios rexistrados da app. "Non hai un perfil definido". Abarcan a todo maior de idade con carné. "O primeiro que nos felicitou foi unha persoa de 83 anos", apostila.

Comentarios