Un de cada tres galegos do rural non ve o suficiente para conducir

Test oculares a veciños de Rinlo, Muras, Avión e Vilariño vinculan mala visión e distancia a ópticas
_E9A2081
photo_camera Lentes. SEBAS SENANDE

Vivir no rural implica, por desgraza, ter os servizos a desmano. Tamén o oculista, un especialista que non abunda nos ambulatorios de zonas non urbanas, moitas das cales, ademais, carecen de ópticas con aparellos para testar a vista.

O Colexio de Ópticos Optometristas de Galicia quiso pescudar se existe correlación entre esta carestía de revisións visuais e a saúde ocular. E tras pasar revisión a veciños de Rinlo, Muras, Avión e Vilariño de Conso, a conclusión é preocupante: un de cada tres ten unha agudeza visual inferior ao 0,5, a mínima esixida por lei para conducir.

Unha observación crave é que existe un atraso á hora de realizar as revisións visuais: o 35,40% dos veciños, case catro de cada dez, levaba máis dun lustro sen avaliarse a vista, mentres que unha porcentaxe case idéntica, o 35,63%, non renovara os seus lentes ou lentes de contacto desde catro anos atrás ou máis.

Dous factores que, segundo incide o colexio profesional nos resultados do estudo, publicados este martes, "inferen directamente na súa calidade de visión: un de cada tres (33,33%) ten unha agudeza visual inferior ao 0,5".

Que significa menos de 0,5 de visión?

E este pobre índice, que supón que a visión desa persoa é o 50% da idónea, constitúe o mínimo esixido por lei para conducir nos psicotécnicos, un dato que, tal e como apunta o informe do Colexio de Ópticos, "cobra aínda máis importancia porque o coche é elemento imprescindible nestes municipios para realizar os labores básicos do día a día".

Desde o órgano colexiado conclúen, xa que logo, que "a distancia ao centro óptico atrasa as revisións e a renovación de equipamentos", como lentes e lentes de contacto, por parte dos habitantes do rural, o que redunda nunha peor saúde ocular.

Neste sentido, os ópticos galegos destacan que "a metade dos veciños que acudiron ás revisións" que levaron a cabo en unidades móbiles nos pobos lucenses de Rinlo e Muras e nos ourensáns de Avión e Vilariño de Conso "fixérono porque sabían da súa mala visión, a pesar de levar tempo sen revisarse, e aproveitaron a facilidade ofrecida para descubrir que lles pasaba".

Lentes de sol, máis que un complemento de moda

Outro resultado preocupante é a pouca concienciación existente respecto ao uso de lentes de sol, e máis tendo en conta que o estilo de vida nestas áreas non urbanas implica, en liñas xerais, moitas horas de exterior. "O 58,47% non usa" este elemento, que "segue considerándose un accesorio unicamente de moda", reza o estudo.

Comentarios